Guia docente 2023_24
Facultade de Filoloxía e Tradución
Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios
 Materias
  Literatura hispanoamericana II
   Plan de Continxencias
 
Descrición
DESENVOLVEMENTO DA MATERIA NO CASO DE CIRCUNSTANCIA DE EMERXENCIA SANITARIA

1. Desenvolvemento da materia
O alumnado disporá dende o comezo do cuadrimestre dun cronograma que recolla a secuencia de desenvolvemento dos contidos da mesma. Tendo en conta que estos se apoian fundamentalmente na lectura de textos literarios, tocante a este aspecto, en caso de circunstancia de emerxencia sanitaria sobrevida, será relativamente fácil a adaptación a un sistema non presencial. No que respecta á metodoloxía, a “Lección maxistral” sería sustituida polo aporte de materiais de diverso tipo a través da plataforma Moovi e a través de titorías virtuis co grupo, nas que poderían facerse igualmente reflexións e debates semellantes (é un modo de falar) aos desenvoltos habitualmente na aula.
Do mesmo xeito que nunha situación de docencia normal, o alumnado recibirá as referencias bibliográficas correspondentes a cada tema e lecturas obrigatorias do programa a través do Moovi. É moi importante, por isto, que preste a máxima atención aos avisos e materiais que se subirán á plataforma.

2. Avaliación
O deseño da avaliación da materia no seu formato presencial, apóiase en varios tipos de proba: os contidos das leccións maxistrais, traballo tutelado e exposicións e debates na aula, cuxo resultado representa un 45% da cualificación da materia; e unha proba exame consistente en preguntas de desenvolvemento, o resultado do cal representa o 55%.
Se a situación o requerise, este deseño veríase modificado nos seguintes termos:
a) Caso de situación de ausencia total de presencialidade: un 80% da cualificación corresponderá á suma dos resultados de exposicións escritas sobre cada lectura do programa (que o alumnado remitirá á profesora no tempo e forma requeridos) e un 20% a debates realizados en titorías de grupo virtuais.
b) Caso de situación combinada entre presencialidade e non presencialidade: un 65% da cualificación corresponderá á suma dos resultados de exposicións escritas sobre cada lectura do programa (que o alumnado remitirá á profesora no tempo e forma requeridos) e un 35% as actividades de aula desenvolvidas no período de docencia presencial.
En ningún caso se modifican, en cambio, os requisitos para superar as probas. Como se di na Guía docente: “Será requisito para aprobar cada unha das actividades a correcta expresión oral e escrita, é dicir, o uso pertinente dos signos de puntuación, a corrección ortográfica, a orde e claridade na exposición e a limpeza dos exercicios. Por outro lado, naquel tipo de probas no que se faga uso de fontes bibliográficas secundarias, estas terán que aparecer referidas adecuadamente; plaxiar unha fonte, é dicir, transcribila literalmente facéndoa pasar por discurso propio, invalidará inmediatamente o exercicio.

Para o alumnado semipresencial, no caso de producirse esta emerxencia, o desenvolvemento e avaliación da materia coincidirían coa do alumnado presencial (nos termos arriba expostos).

Por outro lado, de se impor unha modalidade docente mixta, na que unha parte do estudantado permanecerá na clase, seguindo a outra parte as clases dun modo síncrono (preferentemente) ou asíncrono dependendo da ferramenta que mellor se adapte a cada unha, as metodoloxías, a atención personalizada e a avaliación serán as mesmas que na modalidade presencial, adaptando os grupos e quendas para cumprir coa normativa sanitaria.

Universidade de Vigo            | Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000