Guia docente 2014_15
Escola de Enxeñaría de Telecomunicación
Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación
 Materias
  Tecnoloxía electrónica
   Avaliación
  Descrición Cualificación
Probas de resposta curta Forman parte de cada exame parcial
de teoría, no cal supoñen a metade da súa nota. O número de probas e normas detállanse en "Outros comentarios".

Nestas probas avalíanse as competencias A23 e A25.
35
Resolución de problemas e/ou exercicios Forman parte de cada exame parcial de teoría, no cal supoñen a metade da súa nota. O número de probas e normas detállanse en "Outros comentarios".

Nestas probas avalíanse as competencias A23 e A25.
35
Probas prácticas, de execución de tarefas reais e/ou simuladas. Realízanse no laboratorio. Consisten no tipo de tarefas realizadas ou preparadas durante as prácticas da materia: as probas prácticas constan de: 1) montaxe real de circuítos, realización de medidas sobre os mesmos e preguntas relacionadas con eses circuítos e 2) simulación de circuítos iguais ou similares aos estudados nas prácticas e preguntas relacionadas con esa simulación.
Nos exames de prácticas de laboratorio permitirase ao alumno utilizar determinada información técnica solicitada polo propio alumno durante as prácticas (do tipo de "follas de características" ou "follas de datos" de fabricantes).

Nestas probas avalíanse as competencias A23, A25, B4 e B5.
30
 
Outros comentarios sobre a Avaliación

NOTA: as duracións das probas parciais especificadas neste apartado de avaliación como múltiplos de media hora -"media hora", "unha hora", "dúas horas"- , enténdense aproximadas e probablemente terán que ser acurtadas nunha pequena porcentaxe para poder adaptar os exames parciais á duración das sesións de clase. Durante o cuadrimestre de docencia da materia indicarase a duración exacta.

1. Avaliación continua:

A avaliación da materia realízase mediante unha avaliación continua, que consiste en probas parciais tanto da parte teórica como da parte de prácticas de laboratorio. No entanto contémplase tamén a realización do exame final como alternativa. Detállanse as normas a continuación.

As probas parciais non son recuperables, é dicir, que se un alumno non pode asistir o día en que estean programadas, os profesores non teñen obrigación de repetilas. As cualificacións das probas parciais serán válidas só para o curso académico en que se realicen.

Para participar nos exames parciais de prácticas de laboratorio será obrigatoria a asistencia a todas as prácticas de laboratorio. Os alumnos que non cumpran este requisito poden de todos os xeitos realizar os exames parciais de teoría e entón liberar parciais de teoría para o exame final de teoría, de acordo co que se explica a continuación.

1.1. Exames teóricos:

Sobre os contidos de teoría realízanse durante o cuadrimestre dous exames parciais que cobren respectivamente o 1º bloque e o 2º bloque da teoría, mentres que do 3º bloque examínanse todos os alumnos no exame final de maio. Os dous exames parciais de teoría son liberatorios: só se o alumno alcanza polo menos un 5 sobre 10 nun exame parcial, esa nota se garda como nota dese bloque para o exame final de maio; nese caso, o alumno non ten obrigación nin dereito a examinarse desa parte no exame final. O anterior quere dicir que as notas menores que 5 sobre 10 nun exame parcial teñen sobre a nota final da materia o mesmo efecto que nota cero.

Os exames teóricos pesan un 70% sobre o total da nota final e este peso repártese a partes iguais entre o tres bloques dos contidos de teoría.

Os exames parciais, como tales (é dicir, o 1º e o 2º), realizados en horas de clase (e de duración próxima a unha sesión de 2 horas) inclúen unha metade (en tempo e en puntuación) correspondente a preguntas de resposta breve ("cuestións") e outra metade (en tempo e en puntuación) correspondente a exercicios.

1.2. Avaliación de prácticas de laboratorio:

As prácticas avalíanse mediante exames do tipo “proba práctica”. Realízanse dous exames parciais que, neste caso si, a diferenza da teoría, cobren o contido de todo o curso. Os dous exames parciais de prácticas son liberatorios: se o alumno alcanza polo menos un 5 sobre 10 nun exame parcial, esa nota se garda como nota dese bloque para o exame práctico de maio; nese caso, o alumno non ten obrigación nin dereito a examinarse desa parte no exame práctico de maio. Enténdese entón que se o alumno alcanza polo menos un 5 sobre 10 en ambos parciais, terá unha nota de prácticas maior que 5 sobre 10 e non se examina no exame práctico de maio. Do mesmo xeito que no caso da teoría, o anterior quere dicir que as notas menores que 5 sobre 10 nun exame parcial teñen sobre a nota final da materia o mesmo efecto que nota cero.

Os dous parciais de prácticas teñen o mesmo peso.

1.3. Alumnos presentados:

Enténdese que o alumno opta por avaliación continua se e só se realiza calquera dos exames parciais, xa sexa de prácticas ou de teoría. Desde ese momento considérase presentado á convocatoria e considérase que a súa nota nas probas parciais ás que non se presente é cero.

1.4. Alumnos que aproban a materia

Os requisitos que debe cumprir un alumno para aprobar a materia explícanse a continuación en sentido inverso no tempo: partindo desde o posible exame final de xullo (“posible”, para cada alumno en particular) cara ao exame de maio e a avaliación continua:

Para aprobar a materia é necesario obter polo menos un 5 sobre 10 no total, tendo en conta que a teoría son 7 puntos e as prácticas 3. Á súa vez (xa sexa por avaliación continua, por exame final sen participar en avaliación continua ou no exame de recuperación –xullo-), é necesario superar un 30% da nota de cada sección (teoría e práctica).

No exame de recuperación (xullo) (en que a avaliación de teoría non se divide en bloques e a avaliación de práctica tampouco se divide en bloques) só se esixen as condicións do parágrafo anterior, pero no exame final de maio, que se fai dividindo a materia por bloques (tres bloques na materia de teoría e dous bloques na materia de prácticas), esíxese ademais que o alumno alcance polo menos un 30 % da nota de cada bloque.

Para aprobar a materia considérase a “nota final provisional” da materia, que é:

NotaFinalProvisional = NotaDeTeoría x 0,7 + NotaDePrácticas x 0,3.

Se NotaDeTeoría e NotaDePrácticas son ambas as maiores ou iguais que 3, entón:

NotaFinal = NotaFinalProvisional

En caso contrario:

NotaFinal = mín {4,5 ; NotaFinalProvisional}

O alumno aproba a materia se NotaFinal é polo menos 5.

Á súa vez:

sendo

NotaBloqueTeoría1, NotaBloqueTeoría2 e NotaBloqueTeoría3 as notas de cada bloque de teoría expresadas sobre 10 puntos e

NotaProvisionalDeTeoría= (NotaBloqueTeoría1 + NotaBloqueTeoría2 + NotaBloqueTeoría3)/3, entón:

Se a nota de cada un dos tres bloques de teoría é polo menos de 3 sobre 10, entón:

NotaDeTeoría= NotaProvisionalDeTeoría

En caso contrario: NotaDeTeoría = mínimo {NotaProvisionalDeTeoría ; 2,5}

Do mesmo xeito:

Sendo NotaBloquePrácticas1 e NotaBloquePrácticas2 as notas de cada bloque de prácticas expresadas sobre 10 puntos e

NotaProvisionalDePrácticas= (NotaBloquePrácticas1 + NotaBloquePrácticas2) /2, entón:

Se a nota de cada bloque de prácticas é polo menos de 3 sobre 10, entón:

NotaDePrácticas= NotaProvisionalDePrácticas;

En caso contrario: NotaDePrácticas = mínimo {NotaProvisionalDePrácticas; 2,5}.

2. Avaliación por exame final

O exame final polo que se avalían os alumnos que non participan na avaliación continua consta de parte teórica, que é a mesma para todos os alumnos que non aprobasen ningún parcial, presentáranse ou non a algún deles (normas en epígrafe 1.1), e parte práctica. A teoría mantén sobre a “nota final provisional” o mesmo peso que na avaliación continua: un 70%, repartido a partes iguais entre os tres bloques. A metade de cada unha delas para as cuestións e a metade para os exercicios, igualmente.

A avaliación de prácticas dos alumnos que non opten a avaliación continua realízase mediante un exame de prácticas en laboratorio no período de exames finais, en datas fixadas no calendario de exames finais. A súa duración é de dúas horas.

O peso da nota de prácticas sobre a “nota final provisional” é o mesmo que para os alumnos de avaliación continua: 30%.

Para aprobar a materia no exame final establécense as mesmas condicións de nota "final provisional" e condicións de nota mínima de teoría e de prácticas que se especifican ao longo do apartado 1.4.

MOI IMPORTANTE: Os alumnos que teñan previsto presentarse ao exame final da materia deben anotarse para asistir ao mesmo, póndose en comunicación cos profesores da materia, persoalmente ou por e-mail ao longo do día 13 de maio de 2015. Esta preinscrición é necesaria para planificar as quendas de exame de laboratorio, pero non é vinculante para o alumno no sentido de que non hai inconveniente en que un alumno se preinscriba e finalmente non asista. Só poderán realizar o exame final de prácticas da materia os alumnos que realicen en tempo e forma esta inscrición obrigatoria.

3. Segunda convocatoria (xullo)

O exame de segunda convocatoria consta, igual que o exame final de primeira convocatoria (maio), dun exame teórico e un exame de prácticas, en laboratorio.

Para aprobar a materia nesta convocatoria establécense as mesmas condicións de nota "final provisional" e condicións de nota mínima de teoría e de prácticas que se especifican ao longo do punto 1.4, con excepción de que non hai mínimos por bloques. É dicir:

Para aprobar a materia considérase a “nota final provisional” da materia, que é:

NotaFinalProvisional = NotaDeTeoría x 0,7 + NotaDePrácticas x 0,3.

Se NotaDeTeoría e NotaDePrácticas son ambas as maiores ou iguais que 3, entón:

NotaFinal = NotaFinalProvisional

En caso contrario:

NotaFinal = mín {4,5 ; NotaFinalProvisional}

O alumno aproba a materia se NotaFinal é polo menos 5.

Todos os alumnos que non aprobasen a materia na convocatoria de maio poden presentarse ás dúas seccións (teoría e práctica). A normativa de “nota máis alta” que é obrigatoria para a nota total da materia, aplicarase nesta materia tamén estendida a cada sección. É dicir, a nota de teoría de cada alumno que contará para calcular NotaFinalProvisional para a acta de xullo será a máis alta entre a nota de teoría de maio e a nota de teoría de xullo. Igualmente para a nota de prácticas.

MOI IMPORTANTE: Do mesmo xeito que se indica no apartado 2 para o exame final de maio, os alumnos que teñan previsto presentarse ao exame de xullo deben anotarse para asistir ao mesmo, póndose en comunicación cos profesores da materia, persoalmente ou por e-mail durante o 17 de xuño de 2015 . Esta preinscrición é necesaria para planificar as quendas de exame de laboratorio, pero non é vinculante para o alumno no sentido de que non hai inconveniente en que un alumno se preinscriba e finalmente non asista. Só poderán realizar o exame de xullo de prácticas da materia os alumnos que realicen en tempo e forma esta inscrición obrigatoria.

Universidade de Vigo            | Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000