Guia docente 2015_16
Facultade de Filoloxía e Tradución
Grao en Tradución e Interpretación
 Materias
  Tradución idioma 1, III: Francés-Galego
   Metodoloxía docente
Metodoloxías   ::  Guia de metodoloxias docentes
  Descrición
Actividades introdutorias As actividades introdutorias consisten na sesión de presentación, no inicio do semestre. Nela exporase a posición da materia no contexto dos estudos de grao, os obxectivos do curso, a metodoloxía, as actividades e o sistema de avaliación.
Sesión maxistral O formato de clase maxistral está indicado para transferir coñecementos e sensibilizar o alumnado sobre temas tanto xerais como transversais. Serven para iniciar á metalinguaxe asociada ás destrezas precisas nesta materia, a compartir unha reflexión sobre a contorna socioeconómica que sustenta o mercado da tradución gl>fr, a transmitir formas de adquisición da información e de comprensión do sentido. Serve para estruturar contidos dos temas máis teóricos, ou que precisan desenvolvementos narrativos máis longos e completos, como as explicacións sobre o historial das relacións e intermediacións entre galego e francés.
Obradoiros Os obradoiros son a principal ferramenta diagnóstica. Neles proporanse traducións dirixidas, co fin de tentar a competencia tradutora do alumnado. Ó mesmo tempo, as traducións dirixidas permitirán familiarizarse co método de traballo e de avaliación do profesor.
Ademais proporanse exercicios de anticipación para reforzar a capacidade de toma de decisión. Deste xeito tentarase (1) promover a anticipación como método de traballo, (2) desenvolver a creación discursiva, (3) mellorar a autoconfianza do estudante. Os exercicios de anticipación consistirán, por exemplo, en (1) exercicios de tradución de títulos ocos e títulos plenos, (2) tradución de fragmentos de cronolectos en francés, ou de textos no que se deba trasladar a información icónica e visual, (3) tradución dirixida de textos con ruído ou incompletos.
Resolución de problemas e/ou exercicios de forma autónoma Corresponde coa realización de encargas de tradución. Todas as encargas propostas proveñen do mercado real e consisten na tradución gl>fr de textos de volume calibrado, que non se viron en clase mais que pertencen á temática vinculada ó ámbito de especialidade correspondente.
Esta é a principal ferramenta metodolóxica do curso, malia que o título (resolución de problemas) sexa contrario ós termos da guía desta materia, pois nela preferirase falar de "dificultades" e non de "problemas".
Con esta metodoloxía o alumnado tratará de construír el só as súas traducións para o francés. Esta autonomía responde ó nivel de responsabilización que se lle esixe ó alumnado, e que se plasma en tomas de decisión individuais e na capacidade para aterse a criterios desenvolvidos a medida que progresa o seu traballo de tradución.
Algunhas fases contarán coa intervención directa do profesor (previos, "briefings", contextualización, atención personalizada en caso de dúbida, traducións colectivas á vista), mais esta metodoloxía caracterízase polo estudante ou a estudanta traballaren autonomamente tanto dentro da aula, en fases de inferencia, como fóra da aula.
Saídas de estudo/prácticas de campo O grupo de estudantes, orientado polo docente, percorrerá lugares ou instalacións e/ou visitará exposicións ou eventos relacionados cos contidos da materia. O obxectivo da saída de estudo é de identificar e analizar produtos ou prácticas reais de tradución en medio urbano, público ou privado (dependendo da autorización correspondente). Para a saída contarase cos medios e co apoio loxístico que facilitará a Universidade de Vigo.
A presencialidade (3 horas) corresponde a 2 sesións de hora e media que non se impartirán na aula, e equivalentes a media xornada. Nesta ocasión, a docencia trasladarase fóra do campus, ó lugar da saída de estudo.
Universidade de Vigo            | Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000