Resolución de problemas e/ou exercicios |
A sesión de resolución de exercicios refírese a dúas modalidades: exercicios de tradución, estreitamente coordinados polo profesor, nos que a énfase irá posta nas etapas iniciais do proceso; e exercicios de sensibilización sobre temas diversos da antropoloxía das prácticas, nos que se lle pedirá ao alumnado que aplique o aprendido, nesta e nas demais materias. Os exercicios de tradución ou interpretación reproducirán situacións iniciais dunha encarga no medio profesional. Os exercicios de sensibilización irán vinculados aos aspectos teóricos explicados en sesións maxistrais. Deste xeito, enténdese que as sesións de resolución de exercicios conteñen unha dimensión teórica esencial, que será explicada polo docente aproveitando o contexto de cada exercicio.
A asistencia ás sesións de resolución de exercicios é requisito para a avaliación continua.
|
Debates |
A partir de cada parte temática, e sempre vinculados coas lecturas a disposición en FAITIC, a clase vólvese participativa arredor dun debate, que suscitará a opinión do alumnado. As conclusións do debate, enunciadas ao remate de cada sesión polo profesor, poderán ser empregadas para construír argumentos nos informes dos foros de discusión.
A asistencia aos debates é requisito para a avaliación continua.
|
Saídas de estudo/prácticas de campo |
Na saída de estudos, o profesor guiará o alumnado por un campo de estudo (espazo público, institución, etc.) durante media xornada, e explicará a metodoloxía aplicable no traballo de campo que cada estudante ha ter que desenvolver. O obxectivo da saída de estudos é a de propoñer formas de observación que capaciten para identificar procesos sociais de tradución e interpretación. |