A avaliación dos traballos realizarase tendo en conta o grao de consecución das competencias establecidas para a materia TFG. Calquera plaxio identificado será motivo de suspenso do TFG. Entenderase por plaxio calquera cita literal (curta ou longa) presentada como propia (i.e. sen comiñas e sen referencia da autoría) ou calquera apropiación das ideas ou metodoloxía dun/ha autor/a que non se mencione nas referencias, sexa cal for a súa procedencia (un traballo individual ou colectivo, unha publicación impresa ou un documento electrónico ou de uso restrinxido, páxina web, ou traballo que se está levando a cabo por parte dalgún/a compañeiro/a etc). Consonte o Regulamento do TFG, '[e]n ningún caso pode ser un traballo presentado con anterioridade polo/a estudante nalgunha materia de calquera titulación'. Consonte o Regulamento do TFG, os tribunais avaliadores constarán de tres membros do profesorado activo do Grao de Linguas Estranxeiras. A/O director/a de TFG deberán entregar un informe de valoración do TFG dirixido, previamente á defensa oral, seguindo o modelo elaborado pola FFT. A/O titor/a non poderá propoñer unha cualificación. As cualificacións faranse públicas a través do espazo Faitic da materia TFG tras a xuntanza dos tribunais após as defensas. A reclamación da materia TFG rexerase pola normativa vixente, como para calquera outra materia. No caso de non superar a materia na 1ª edición de actas, a/o estudante recibirá un informe coas recomendacións oportunas do tribunal avaliador para a mellora do traballo e a súa posterior avaliación en vindeiras edicións. |