Guia docente 2023_24
Facultade de Filoloxía e Tradución
Grao en Linguas Estranxeiras
 Materias
  Traballo de Fin de Grao
   Contidos
Tema Subtema
Contidos Os contidos do TFG deberán corresponderse coa liña de traballo na que a/o estudante está matriculada/o. O tema específico do TFG deberá ser acordado entre a/o estudante e a persoa titora asignada.

Se as liñas de traballo corresponden a materias de formación básica de 1º curso de grao que non versen directamente sobre linguas estranxeiras, estas deberán estar vinculadas a algún aspecto dalgunha das linguas estranxeiras impartidas no grao (inglés, alemán, francés, portugués).

O TFG será avaliado tendo en conta non só a pertinencia e calidade do contido do traballo senón tamén a súa corrección lingüística, tanto na redacción como na exposición oral.
Estrutura A estrutura do TFG debe ter como esqueleto tres partes básicas: introdución, corpo e conclusión.

Os contidos de cada parte serán flexibles atendendo ás convencións do eido no que se enmarca o traballo. A introdución xeralmente inclúe o contexto do tema específico do traballo e do eido no que se enmarca, e os obxectivos do estudo a realizar. O corpo do traballo xeralmente comprende varias seccións, como a discusión crítica de estudos previos no tema/eido escollido, a descrición da metodoloxía (se procede) e a análise de datos ou da obra literaria. A sección de conclusión debe recoller un resumo do estudo e as conclusións (orixinais) que del se derivan.
Pautas de redacción e presentación Na portada do TFG deberá incluírse: "Grao Universitario en Linguas Estranxeiras (Facultade de Filoloxía e Tradución, Universidade de Vigo)", o título completo do TFG, o nome do/a autor/a, o nome do/a titor/a, e a data da convocatoria de presentación (mes - ano).

O traballo escrito debe incluír un índice (despois da portada) e unha bibliografía ou lista de referencias, dependo das convencións da liña de traballo. De haber apéndices, estes deberán incorporarse despois das conclusións; poden ir antes ou despois das referencias bibliográficas segundo sexa característico no eido do traballo. Non se prescribe un sistema de citación específico para as referencias bibliográficas; cada titor/a poderá recomendar o sistema que considere máis axeitado e este deberase empregar de xeito consistente e seguindo as normas académicas do seu eido.

O traballo escrito terá unha extensión de entre 3.000 e 5.000 palabras, incluídas as notas a pé de páxina, pero excluíndo a portada, o índice, as referencias bibliográficas e os apéndices. O número de palabras total deberá mencionarse expresamente na parte baixa da páxina do índice.

A lingua de redacción do traballo debe ser preferiblemente a lingua estranxeira sobre a cal versa o traballo.
Nas liñas de traballo relacionadas coa lingua ou literatura alemá, existe a posibilidade de redactar e defender o traballo en español/galego coas seguintes condicións: (1) aportar un resumo do traballo en lingua alemá dunha extensión mínima dunha páxina e (2) preparar a defensa oral e a súa Powerpoint en lingua alemá.
No caso de traballos comparativos entre dúas linguas estranxeiras, a/o estudante poderá escoller a lingua de redacción coa aprobación da persoa titora e da persoa coordinadora da materia.

Recoméndase a redacción con espazo entre liñas de 1.5. A entrega oficial do traballo en formato PDF. Se o/a titor/a así o require, deberá entregarse tamén unha copia impresa. Esta deberá ser a dobre cara agás a portada e o índice, que deben aparecer en cadansúa páxina individual.
Defensa oral A defensa oral é obrigatoria. Terá carácter presencial ou virtual consonte á normativa vixente da FFT da convocatoria correspondente.

A defensa oral consistirá nunha exposición por parte da/o estudante dun máximo de 10 minutos, seguida dun máximo de 5 minutos para os comentarios do tribunal avaliador e as respostas breves da/o estudante.

A lingua de presentación do traballo debe ser a lingua estranxeira sobre a cal versa o traballo. De non ser así, a elección de lingua debe ser consensuada co titor/a e aprobada pola persoa coordinadora da materia.

O tribunal avaliador debe cumprir o "Decálogo de Boas Prácticas nos Actos de Defensa Oral dos TFG na FFT", dispoñible na plataforma de teledocencia.
Organización da materia O/A coordinador/a da materia é responsable de organizar a materia e de informar debidamente ao estudantado e ao profesorado. Toda a información estará dispoñible na plataforma de teledocencia e na páxina web da FFT.

Igualmente, é responsabilidade do profesorado e alumnado consultar o calendario con instrucións sobre datas e procedementos de xestión.

O estudantado pode contactar coa persoa titora asignada unha vez a asignación das liñas de traballo sexa publicada. A data para unha primeira reunión queda á discreción da/o estudante e a persoa titora (a máis tardar na primeira semana do segundo cuadrimestre).

MOI IMPORTANTE: O TFG só poderá ser defendido e avaliado cando se teña constancia de que o/a estudante superou todos os créditos necesarios para a obtención do título de grao, agás os correspondentes ao propio TFG. (Normativa UVigo)
Universidade de Vigo            | Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000