Guia docente 2017_18
Facultad de Filología y Traducción
Grao en Linguas Estranxeiras
 Materias
  Traballo de Fin de Grao
   Contidos
Tema Subtema
Contidos Os contidos do TFG deberán corresponderse coa liña de traballo na que a/o estudante está rexistrada/o. O tema específico do TFG deberá ser acordado entre a/o estudante e a/o titor/a.

Se as liñas de traballo corresponden a materias de formación básica de 1º curso que non versen directamente sobre linguas estranxeiras, estas deberán estar vinculadas a algún aspecto dalgunha das linguas estranxeiras do grao (inglés, alemán, francés, portugués).

O TFG deberá ser redactado nunha das linguas estranxeiras do grao (inglés, alemán, francés, portugués). A lingua de redacción debe ser preferiblemente a lingua estranxeira sobre a cal versa o traballo. De non ser así, a elección de lingua debe ser aprobada pola coordinadora da materia. No caso de traballos comparativos entre dúas linguas estranxeiras, a/o estudante poderá escoller a lingua de redacción.

A lingua empregada na defensa oral debe ser unha lingua estranxeira e debe coincidir coa lingua de redacción do traballo.
Estrutura A estrutura do TFG debe ter como esqueleto tres partes básicas: introdución, corpo e conclusión. Os contidos de cada parte serán flexibles atendendo ás convencións do eido no que se enmarcan. Como guía, a introdución xeralmente inclúe o contexto do tema específico do traballo e do eido no que se enmarca, e os obxectivos do estudo a realizar. O corpo do traballo xeralmente comprende varias seccións, como a discusión crítica de estudos previos no tema/eido escollido, a descrición da metodoloxía (se procede) e a análise de datos / da obra literaria. As conclusións deben recoller un resumo do estudo e as conclusións (orixinais) que del se derivan.
Pautas de redacción e presentación Na portada do TFG deberá incluírse: “Grao Universitario en Linguas Estranxeiras (Facultade de Filoloxía e Tradución – Universidade de Vigo)”, o título completo do TFG, o nome do/a autor/a, o nome do/a titor/a, e a convocatoria de presentación (e.g. Maio 2017).

O traballo escrito debe incluír un índice (despois da portada) e unha bibliografía ou lista de referencias, dependo das convencións da liña de traballo. De haberen apéndices, estes deberán incorporarse despois das conclusións e das referencias bibliográficas. Non se prescribe un sistema de citación específico para as referencias bibliográficas; cada titor/a poderá recomendar o sistema que considere máis axeitado e este deberase empregar de xeito coherente e seguindo as normas académicas axeitadas.

O traballo escrito terá unha extensión de entre 3.000 e 5.000 palabras, incluídas as notas a pé de páxina, pero excluíndo a portada, o índice, as referencias bibliográficas e os apéndices. O número de palabras total deberá mencionarse expresamente na parte baixa da páxina do índice. Recoméndase a redacción con espazo entre liñas de 1.5 e a impresión a dobre cara (excepto a portada e o índice).
Defensa oral A defensa oral é presencial e obrigatoria.

A defensa oral consistirá nunha exposición por parte do/a autor/a do traballo cun máximo de 10 minutos, seguida dos comentarios do tribunal avaliador composto por tres profesores (máx. 15 minutos), que o/a autor/a do traballo deberá contestar brevemente.

A exposición oral deberá ser presentada nunha das linguas estranxeiras do grao (inglés, alemán, francés, portugués). A lingua empregada deberá ser a mesma cá lingua de redacción do traballo.
Organización da materia O/A coordinador/a da materia é responsable de organizar a materia e de informar debidamente ao alumnado e profesorado.

O recoñecemento en POD para as/os titoras/es desta materia será aquel que determine a normativa de recoñecementos aprobada anualmente polo Consello de Goberno da Universidade de Vigo.

O alumnado pode contactar co/a titor/a despois de que as liñas de traballo sexan asignadas. A data para unha primeira reunión queda á discreción do alumnado e titor/a (pero máis tardar na primeira semana do segundo cuadrimestre).

O TFG cualificarase tendo en conta non só a pertinencia e calidade do contido do traballo senón tamén a súa corrección lingüística, tanto na redacción como na exposición oral.

No caso de non superar a materia, a/o estudante recibirá un informe coas recomendacións oportunas do tribunal avaliador para a mellora do traballo e a súa posterior avaliación.

‘O traballo de fin de grao debe ser cualificado en acta unha vez que se teña constancia de que o/a estudante dispón de todos os créditos necesarios para obter o título oficial de grao, salvo os correspondentes ao propio traballo, xa sexa por superación das materias correspondentes ou por recoñecemento.’ (Reg. Uvigo, xullo 2015)
Universidade de Vigo            | Rectorado | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000