Guia docente 2014_15
Facultade de Filoloxía e Tradución
Grao en Linguas Estranxeiras
 Materias
  Traballo de Fin de Grao
   Contidos
Tema Subtema
Contidos Os contidos do TFG deberán corresponderse coa liña de investigación na que a/o estudante está rexistrada/o. Se as liñas de investigación corresponden a materias de formación básica (1º curso), estas deberán estar vinculadas a algún contido presente nas materias de linguas estranxeiras.

O tema específico do TFG deberá ser elección propia da/o estudante, co debido consello da/do director/a. Debe ser un traballo orixinal.
Estrutura A estrutura do TFG debe ter como esquelete tres partes básicas: introdución, corpo e conclusión. Os contidos de cada parte serán flexíbeis atendendo ás convencións do eido no que se enmarcan.
Pautas de redacción e presentación O TFG deberá ser redactado nunha das linguas estranxeiras do grao (inglés, alemán, francés, portugués). A lingua da redacción virá determinada polo tema do traballo.

Na portada no TFG deberá incluírse: Grao Universitario en Linguas Estranxeiras (Facultade de Filoloxía e Tradución - Universidade de Vigo), o título completo do TFG, o nome da/do autor/a e o da/do director/a, e a data de presentación.

O TFG debe incluír un índice (despois da portada) e unha bibliografía ou lista de referencias, dependendo das convencións da liña de investigación. De haber apéndices, estes deberán incorporarse despois das conclusións e antes da bibliografía / lista de referencias.

O TFG terá unha extensión de entre 3.000 e 5.000 palabras, incluídas as notas e a bibliografía, pero non os apéndices. O número de palabras total do TFG deberá mencionarse expresamente na páxina do índice.

Non se prescribe un sistema de citación específico para as referencias bibliográficas. Cada director/a poderá recomendar o sistema que considere máis axeitado e este deberase empregar de xeito coherente e seguindo normas académicas.

O TFG deberá ser entregado en formato impreso (3 copias) e en PDF na secretaría do Decanato. Recoméndase a impresión a dobre cara.
Defensa oral Consonte o Regulamento do Traballo de Fin de Grao vixente na Facultade de Filoloxía e Tradución, a defensa oral é obrigatoria. Constará dunha exposición por parte da/do autor/a do traballo (máx. 10 minutos), seguida dos comentarios do tribunal (máx. 15 minutos), que a/o autor/a deberá contestar brevemente.

O TFG deberá ser presentado nunha das linguas estranxeiras do grao (inglés, alemán, francés, portugués). A lingua da presentación virá determinada polo tema do traballo, e deberá ser a mesma cá lingua de redacción do traballo.

É recomendábel que o alumnado ensaie a presentación oral antes da defensa.
Universidade de Vigo            | Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000