Na primeira edición de actas a avaliación será continua. É obrigatorio realizar e expoñer no prazo establecido os traballos incluídos na avaliación (dous exames parciais escritos e unha presentación oral). Os traballos non realizados ou entregados fóra de prazo contarán coma un 0. Do mesmo xeito, os traballos que non cumpran os requisitos mínimos de corrección lingüística (tanto na forma oral coma na escrita) e conteñan erros gramaticais graves contarán coma un 0.
O plaxio total ou parcial en calquera tipo de traballo suporá un 0 nese traballo. Alegar descoñecemento do que supón un plaxio non eximirá o alumnado da súa responsabilidade.
Se algunha alumna/o non pode asistir regularmente por motivos xustificados e prefire realizar exclusivamente os exames, deberá comunicarllo á profesora argumentadamente nas primeiras dúas semanas do curso. Nese caso, será avaliada/o exclusivamente mediante os exames fixados para a materia, cada un deles computará un 50% da cualificación final, e non se considerará o traballo realizado na aula. A escolla desta opción en ningún caso supón a perda do dereito a asistir ás aulas sempre que sexa posible, o cal se recomenda encarecidamente. Igualmente, o alumnado que non asista ás clases será responsable de manter un contacto continuado coa materia a través de Faitic e de presentarse aos exames nas datas establecidas, que se anunciarán en Faitic ao inicio do cuadrimestre.
O primeiro exame terá lugar na semana 5 do cuadrimestre (7-11 de outubro). O segundo exame terá lugar na semana 11 do cuadrimestre (2-5 de decembro).
Na segunda edición das actas (xullo) a avaliación levarase a cabo mediante un exame único, baseado nos contidos da materia, que combinará preguntas teóricas e exercicios prácticos de análise de textos e cuxa nota constituirá o 100% da cualificación final. A competencia lingüística e a correcta exposición argumentativa tamén serán avaliadas. Este exame terá lugar na data oficial de xullo aprobada pola Xunta de Facultade.
Recoméndase firmemente que o alumnado asista ás aulas e titorías con regularidade e se implique activamente no seu proceso de aprendizaxe.