Guia docente 2012_13
Facultade de Filoloxía e Tradución
Grao en Linguas Estranxeiras
 Materias
  Literatura e identidade de xénero do primeiro idioma estranxeiro: Inglés
   Avaliación
  Descrición Cualificación
Presentacións/exposicións Presentación oral por parte do alumnado de traballos elaborados grupalmente sobre aspectos teóricos do programa que se determinarán baixo a supervisión da profesora. Cada persoa será avaliada pola súa contribución individual, e avaliaranse tanto as competencias referidas ao coñecemento da cuestión analizada como as relacionadas coa construción de argumentos e a súa expresión oral correcta. Deberá utilizarse como apoio software de diapositivas para presentacións, e avaliarase a correcta expresión escrita nestes textos, que deben entregarse á profesora na mesma data da presentación a través da plataforma virtual Tema. 20
Resolución de problemas e/ou exercicios Participación activa nas clases e exercicios de comentario de texto que poden ser escritos ou orais. Para a avaliación deste aspecto consideraranse tanto as competencias relacionadas cos contidos teóricos coma as relacionadas coa construción de argumentos sólidos e a súa correcta expresión oral e/ou escrita. Terase en conta tamén a pertinencia dos comentarios en relación aos contidos da materia. 20
Probas de resposta longa, de desenvolvemento Realizaranse dous exames baseados nos contidos da materia, que combinarán preguntas teóricas e exercicios prácticos de análise de textos. Avaliarase en cada exame tanto a adquisición de competencias relacionadas cos contidos teóricos coma as relacionadas coa construción de argumentos sólidos e a súa correcta expresión escrita. Celebraranse dentro do calendario de docencia, na hora e aula correspondentes á materia. 60
 
Outros comentarios sobre a Avaliación

Na primeira edición de actas a avaliación será continua. A condición para ser avaliada/o será a asistencia a un mínimo do 80% das aulas. Igualmente, é obrigatorio expoñer e entregar no prazo establecido os traballos incluídos na avaliación. Os traballos non realizados ou entregados fóra de prazo contarán coma un 0. Do mesmo xeito, os traballos que non cumpran os requisitos mínimos de corrección lingüística (tanto en forma oral coma na escrita) e conteñan erros gramaticais graves contarán coma un 0.

O plaxio total ou parcial en calquera tipo de traballo suporá un 0 nese traballo. Alegar descoñecemento do que supón un plaxio non eximirá ao alumnado da súa responsabilidade.

Se algunha alumna/o non pode acollerse á avaliación continua por motivos xustificados, deberá comunicarllo á profesora
argumentadamente ao comezo do cuadrimestre. Nese caso, será avaliada/o exclusivamente mediante os exames fixados para a materia, cada un deles computará un 50% da cualificación final. A escolla desta opción en ningún caso supón a perda do dereito a asistir ás aulas sempre que sexa posible, o cal se recomenda encarecidamente. Igualmente, o alumnado que escolla esta opción será responsable de manter un contacto continuado coa materia a través de Faitic e de presentarse aos exames nas datas establecidas, que se anunciarán en Faitic ao inicio do cuadrimestre. 

O primeiro exame terá lugar na semana seguinte á finalización do Tema 1 do programa. O segundo exame terá lugar na semana 15 do cuadrimestre. 

Na segunda edición das actas (xullo) a avaliación levarase a cabo mediante un exame único, baseado nos contidos da materia, que combinará preguntas teóricas e exercicios prácticos de análise de textos e cuxa nota constituirá o 100% da cualificación final. A competencia lingüística e a correcta exposición argumentativa tamén serán avaliadas. Este exame terá lugar na data oficial de xullo aprobada pola Xunta de Facultade.

Recoméndase firmemente que o alumnado asista ás aulas e titorías con regularidade e se implique activamente no seu proceso de aprendizaxe.

Universidade de Vigo            | Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000