Educational guide 2020_21
Centro Universitario da Defensa na Escola Naval Militar de Marín (Pontevedra)
Grao en Enxeñaría Mecánica
 Materias
  Tecnoloxía electrónica
   Plan de Continxencias
 
Descrición
Ante a posible aparición de situacións extraordinarias que impliquen a suspensión da actividade docente presencial e o cambio a un escenario non presencial/online, levarán a cabo os seguintes cambios:

CONTIDOS

Programación: créditos teóricos
A impartición dos contidos teóricos da materia non debería verse afectada o traslado a modalidade non presencial-online. No caso de que o número de horas a impartir sufrise unha redución considerable, adaptaranse os contidos de cada un dos temas de maneira que se garanta a adquisición dos resultados de aprendizaxe e competencias da materia.

Programación: créditos prácticos
Ante a imposibilidade de traballar co equipamento de instrumentación presente nos laboratorios, substituiranse as prácticas correspondentes por equivalentes trasladables a un escenario virtual. Concretamente, as prácticas realizaranse como se describe a continuación:

Práctica 1: Introdución á simulación de circuítos electrónicos
Esta práctica ten como obxectivo a familiarización do alumno co software de simulación de circuítos electrónicos PSIM, así como co simulador de sistemas dixitais para realización de montaxes con dispositivos analóxicos e sistemas combinacionáis respectivamente.

Práctica 2: Aplicacións con dispositivos de electrónica dixital
Esta práctica ten como obxectivo que o alumno sexa capaz de deseñar, montar e comprobar un circuíto electrónico dixital básico, baseado en sistemas combinacionáis , a partir dun problema de enxeñaría exposto. Nesta práctica utilizarase simulador de circuítos dixitais para realizar a montaxe do circuíto.

Práctica 3: Deseño con amplificadores operacionáis
Esta práctica ten como obxectivo seguir familiarizando ao alumno co software de simulación PSIM. Nesta práctica servirá para introducir os amplificadores operacionáis e que o alumno observe a utilidade destes dispositivos para resolver problemas de enxeñaría. Para iso, realizaranse diferentes montaxes con estes amplificadores operacionáis onde o alumno pode comprobar o funcionamento dos amplificadores operacionáis baixo diferentes condicións. Estas montaxes tamén lle servirán ao alumno para razoar como deben unir distintas montaxes para obter unha función de transferencia determinada, que poden ser aplicados en multitude de ámbitos da enxeñaría.

Práctica 4: Montaxe e medición de circuítos electrónicos básicos con diodos
Esta práctica ten como obxectivo utilizar o software de simulación PSIM para montar e medir circuítos básicos con diodos, como son os circuítos rectificadores (de media onda e de onda completa), así como diferentes configuracións de circuítos recortadores de sinal.

Práctica 5: Montaxe e medición de circuítos electrónicos básicos con transistores
O obxectivo fundamental desta práctica é que o alumno comprenda os conceptos de punto de traballo dun transistor, así como as diferentes zonas de funcionamento do mesmo (activa, corte saturación). Para iso, levará a cabo a realización de diferentes circuítos sinxelos en corrente continua con transistores bipolares en PSIM.

Práctica 6: Simulación de circuítos electrónicos con diodos e transistores
Neste caso a práctica é idéntica á práctica da modalidade presencial. Esta práctica ten como obxectivo a familiarización do alumno co software de simulación de circuítos electrónicos PSIM, para a realización de circuítos non lineais con diodos e análises do punto de traballo de transistores de unión bipolar e efecto de campo. Introduciranse así mesmo os amplificadores de pequeno sinal no simulador, para que o alumno comprenda o seu funcionamento.

Práctica 7: Deseño de sistemas complexos analóxicos con amplificadores
Esta práctica ten como obxectivo que o alumno sexa capaz de deseñar, montar e comprobar un circuíto de amplificación de varias etapas, en PSIM combinando distintos tipos de amplificadores (pequeno sinal e operacionáis) observando as diferenzas que existen entre eles. Para iso, deseñarase o amplificador e realizarase a montaxe de forma incremental incorporando progresivamente os elementos (preamplificación, amplificación, adaptación de impedancias, etc.) á vez que se realizan as medidas oportunas co equipamento de instrumentación dispoñible no laboratorio. Do mesmo xeito, fáiselle comprender ao alumno a utilidade este tipo de montaxes amplificadores e a súa interconexión con outros conceptos de enxeñaría como, por exemplo, o tratamento de sinais de distintos dispositivos ou sensores e adaptar os niveis de tensión ou intensidade para operar con eles dunha forma eficiente.

METODOLOXÍA DOCENTE

Engadiríase unha nova metodoloxía docente:

Sesión maxistral e/ou sesión práctica virtual síncrona:

Estas sesións impartiranse a través dunha plataforma de videoconferencia web dentro dunha aula virtual. Cada aula virtual conterá diversos paneis de visualización e compoñentes, cuxo deseño pode ser personalizado polo docente para adaptalo ás necesidades da clase. Na aula virtual, os profesores (e participantes autorizados) poderán compartir a pantalla ou arquivos do seu equipo, empregar unha pizarra, chatear, transmitir audio e vídeo ou participar en actividades en liña interactivas (enquisas, preguntas, etc.).


AVALIACIÓN DA APRENDIZAXE

Nun escenario non presencial/online, a avaliación da aprendizaxe na modalidade online terá lugar combinando a plataforma de teledocencia FAITIC-Moodle co Campus Remoto da Universidade de Vigo (e/ou plataformas similares). A continuación, móstranse as modificacións na ponderación das probas motivadas polo cambio á modalidade online de docencia. Estes cambios só afectan á avaliación continua da convocatoria ordinaria.

Convocatoria ordinaria

Avaliación continua

A avaliación da aprendizaxe teórica manterase inalterada con respecto ao descrito con anterioridade nesta guía docente en canto a contidos, ponderacións, mínimos esixidos e número de probas.

A avaliación da aprendizaxe práctica modificarase substituíndo a proba avaliable presencial por un traballo. Por tanto, a parte práctica avaliarase mediante dous traballos cuxo contido e ponderación detállase no seguinte apartado.

Coñecementos prácticos:

A parte de prácticas de laboratorio avalíase mediante a realización de dous traballos en grupo, da seguinte forma:

Traballo en grupo 1 (L1):
Deseño e simulación dun circuíto dixital que solucione un problema real que os alumnos propoñan en función das súas necesidades particulares.
A proposta de traballo será aprobada polos profesores para comprobar que cumpre cos fitos mínimos da tarefa.
No caso de que os alumnos non propoñan un traballo dentro do prazo establecido polo profesorado ao comezo do curso, asignaráselles un traballo xenérico que reúna os requisitos necesarios.
A realización do traballo é en grupos de máximo 2 alumnos.
Peso: 15% da nota de avaliación continua (NEC).
Puntúase sobre 10 puntos.
Esíxese unha nota mínima de 4.0 puntos sobre 10.

Traballo en grupo 2 (L2):
Deseño e simulación dun sistema electrónico analóxico para a solución dun problema de enxeñaría.
A proposta de traballo será aprobada polos profesores para comprobar que cumpre cos fitos mínimos da tarefa.
No caso de que os alumnos non propoñan un traballo dentro do prazo establecido polo profesorado ao comezo do curso, asignaráselles un traballo xenérico que reúna os requisitos necesarios.
Peso: 15% da nota de avaliación continua (NEC).
Puntúase sobre 10 puntos.
Esíxese unha nota mínima de 4.0 puntos sobre 10.

Nota final e requisitos mínimos para superar a materia mediante avaliación continua:
Para asegurar que o alumno adquiriu as destrezas mínimas en cada un dos aspectos da materia, esixirase aos alumnos que alcancen unha nota mínima de 4.0 sobre 10 no exame final de teoría (EF), e unha nota mínima de 4.0 sobre 10 en ambos os traballos prácticos (L1 e L2).

Desta forma, a nota final en avaliación continua (NEC) calcúlase mediante as seguintes fórmulas, sendo necesaria unha nota mínima de 5.0 na NEC para superar a materia:

NEC = 0.15*P1+ 0.15*P2 + 0.4*EF + 0.15*L1 + 0.15*L2

No caso de que non se chegue á nota mínima esixida nalgunha das partes, a nota final de avaliación continua calcularase como:

NEC=min(4.0,NEC )
Universidade de Vigo            | Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | Spain | Tlf: +34 986 812 000