Guia docente 2023_24
Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte
Grao en Educación Primaria
 Materias
  Socioloxía: Socioloxía da educación
   Atención personalizada
Metodoloxías Descrición
Seminario O seminario é unha metodoloxía que combina o traballo individual e de grupo, o traballo autónomo e o guiado en aula C. Con esta atención preténdese guiar e avaliar o proceso de aprendizaxe e o progreso do alumnado, tanto no plano teórico como práctico: pescudas, recompilación, análise, opinión, presentación, debate en aula C, … . O seguimento consignarase nas fichas individuais e tamén con referencia ao grupo C no que se integre cada alumna/o durante o desenvolvemento das aulas C. A docente proporá temas de traballo e será o alumnado quen decida a súa concreción de acordo cos seus intereses ou relevancia. A docente indica o marco teórico para traballar, e, sobre el, o grupo deberá tomar decisións, coordinarse na distribución de tarefas e definir o que se vai presentar en aula.
Resolución de problemas Ao final de cada tema, e de forma voluntaria para o alumnado, levarase a cabo unha pequena proba de coñecemento que permitirá ir recompilando información de cada alumna/o sobre a evolución da adquisición de competencias cognitivas. Estas probas retroalimentan a información, xa que lle serán devoltas ao alumnado coas indicacións pertinentes. Ademais permiten realizar avaliación de proceso e son unha ferramenta útil para conseguir que o alumnado teña a materia ao día e non acumule temas sen traballar, pois a superación destas probas permitirá acadar unha avaliación positiva nesa parte da materia sen ter que realizar outra proba de coñecemento.
Foros de discusión Esta atención permite que o alumnado resolva de forma autónoma a coordinación necesaria para o traballo de aulas B e C. No B estará formado polo griupo de proxecto e no C polo grupo de aula, que é reducido, aproximadamente 12 persoas. Deberan conformar unha rede de traballo a través de Internet con todos os compoñentes. O foro permitirá debater o necesario para acordar temas, priorizar o desenvolvemento, acordar quen intervirá na aula e sobre que, ... É un tipo de traballo autónomo do grupo, e quen se encargue da docencia deberá garantir que existe, que se comunican todos os membros e tomará nota do resultado dos debates e decisións.
Resolución de problemas de forma autónoma Con esta atención, que se poderá desenvolver en aula (A,B e C) e nas titorías individuais e de grupo, preténdese estimular o alumnado a profundar e consolidar os coñecementos que ofrece a materia. A base para esta atención está na proposta de actividades que se fai ao final de cada tema. O alumnado poderá decidir que actividades realiza segundo os seus intereses ou relevancia, e despois poderá contrastar co grupo o resultado ou traballalo en titoría coa docente para mellorar as competencias cognitivas e metodolóxicas. Estes exercicios formarán parte da documentación compilada para o cartafol.
Actividades introdutorias Con esta atención preténdese aclarar todo o necesario para desenvolver correctamente o traballo de curso. En cada tipo de aula (A, B, C), por ser diferente, levaranse a cabo as necesarias explicacións sobre contidos, metodoloxía e avaliación, dando a palabra ao alumnado para que poida preguntar o que considere oportuno. Na primeira parte da intervención poderanse empregar estratexias que permitan coñecer aproximandamaente o grao de familiariedade do alumnado coa materia e coas metodoloxíasque se van aplicar. Poderanse realizar tormentas de ideas, visionar algunha peza audiovisual e logo ter un coloquio sobre ela, realizar a presentación do alumnado facendo algún tipo de precisión, ou calquera outra estratexia de iniciación á materia.
Traballo tutelado A atención céntrase na orientación para o deseño teórico e metodolóxico e no seguimento da realización do proxecto de investigación que o alumnado debe realizar en grupo. Esta atención levarase a cabo fundamentalmente no transcurso das aulas B que teñen como obxectivo específico acadar as destrezas básicas na praxe metodolóxica e tamén en destrezas tecnolóxicas, lingüísticas e colaboradoras. Levarase a cabo na aula B atendendo grupo por grupo, no despacho e a través de correo electrónico.
Presentación Descrición: todos os traballos tutelados nas sesións prácticas deben ser presentados en público a todo o grupo en sesións habilitadas a tal efecto ao final do cuadrimestre. Teráse en conta a habilidade para comunicar e a capacidade de captar a atención do público así como a capacidade de síntese e os recursos empregados. Tamén se poden expoñer, pero non é obrigatorio, outros traballos que se vaian realizando de forma voluntaria polo alumnado. Estas exposicións consistirán en presentar un tema concreto ou un traballo (previa presentación escrita na que se avaliará o contido). Trátase dunha metodoloxía que traballa unha competencia nuclear e transversal cuxo obxectivo é aprender a comunicar. Os traballos expoñeranse en grupo -os que se realicen en grupo- ou individualmente os que se fagan desa forma con carácter voluntario. As presentacións serán avaliadas en función dos criterios previamente establecidos, podendo incluso integrar a avaliación criterios e cualificacións incorporados polo alumnado. Modalidade: guiada Natureza: práctica Escenario: aula ordinaria que conta con recursos tecnolóxicos (canón de proxección, transparencias, conexión a Internet, vídeo ou DVDs, etc ). Grupo: grande, mediano ou reducido. Tarefas do alumnado: Expoñer o traballo publicamente. Defendelo, é dicir, debe responder ás preguntas e posibles críticas construtivas de colegas e docentes. Poderanse explicar na parte final da exposición os problemas e obstáculos xurdidos durante la elaboración do traballo.
Prácticas con apoio das TIC (Repetida, non usar) Esta atención pretende que o alumnado adestre no uso dos recursos que ofrecen as TIC: procura de información, manexo de ferramentas básicas para deseñar táboas e gráficas, tratamento de datos e busca de fontes. Respecto da procura de información e valoración e cita de fontes, o alumnado deberá realizar obrigatoriamente o curso que ofrece a biblioteca do campus. Para adestrar en tratamento de datos e elaboración de gráficas e cadros a atención levarase a cabo na aula en hora B e C ou na titoría.
Estudo previo Quen teña o encargo da docencia porá a disposición do alumnado dende o incio de curso a documentación necesaria para realizar o traballo previo ás sesións A, B ou C. Esta atención permitirá que o alumnado poida asistir ás aulas cun coñecemento previo do que se vai tratar e polo tanto poderá formular dúbidas e preguntas con maior acerto, ou mesmo debater sobre o que se está aprendendo. O alumnado debe ler a documentación ou o material proposto e facilitado pola/o docente. Pode ser para unha actividade teórica - procura de información, análise e organización de documentación- ou a realización dunha tarefa que deba ser resolta con traballo práctico.
Lección maxistral Con esta atención non se pretende realizar leccións nas que a relación docente alumnado sexa xerárquica e unidireccional. Para evitar isto a presentación estruturada e ordenada dos temas xa está a disposición do alumnado na plataforma Faitic, de modo que o alumnado pode e debe lela con anterioridade, e dese modo ten xa un punto de partida para poder reflexionar e participar na aula. Non obstante, nos tempos dedicados á exposición a cargo da/o docente levarase a cabo a explicación e aclaracións do contido da materia que o alumnado considere de maior interés pola súa relevancia ou complexidade. En todo caso hai un guión estándar que consiste en: relacionar o contido do tema co marco global da materia, resaltar as ideas principais, aclarar aqueles puntos máis complexos, dar a palabra ao alumnado para resolver as dúbidas e ofrecer exemplos (de actualidade, reais, etc.), relacionar os novos conceptos, e asegurar a comprensión do contido empregando a exposición teórica ou a discusión e debate.
Probas Descrición
Exame de preguntas de desenvolvemento O alumnado poderá facer de xeito voluntario unha proba de resposta longa, con acceso a información durante o desenvolvemento da mesma, co obxectivo de subir a cualificación final. Poderá realizala o alumnado que acade unha cualificación superior ou igual a notable 8. Esta proba dará a oportunidade de acceder ao sobresaliente ou matrícula de honra. A proba desenvolverase na data de exame final oficial.
Resolución de problemas e/ou exercicios Esta atención permitirá (ao alumnado e á docente) ter información semanal sobre o desenvolvemento da aprendizaxe da materia. O contido será sobre o máis importante de cada tema e a resposta curta permite obter información sobre se se van acadando as destrezas cognitivas requiridas. As explicacións en aula A son importantes para resolver dúbidas e as probas realizaranse nas horas A. a superación destas probas permite acadar a cualificación positiva sen ter que realizar o exame final.
Cartafol/dossier Con esta atención preténdese estimular o alumnado para traballar aquelas destrezas máis febles que cada quen identifique, tanto no plano cognitivo como metodolóxico, lingüístico ou tecnolóxico. A docente ofrece unha batería de propostas en forma de pescudas, reflexións, análises de pezas documentais literarias ou de imaxe, etc. e será o propio alumnado quen decida que e canto facer. Todo este traballo formará parte dun cartafol/dossier persoal que se poderá mostrar e consultar coa docente, quen proporá melloras e orientacións. Este cartafol poderá formar parte da documentación a ter en conta para a avaliación final.
Universidade de Vigo            | Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000