Esta materia é clave dentro da titulación e debe servir para fundamentar os coñecementos en torno á educación, movementos e institucións educativas, iniciando a formación do pensamento pedagóxico teórico-práctico e da evolución histórica do sistema escolar ata o actual universo educativo. Facilita, no marco do plan de estudos desta titulación e das materias que o configuran, unha visión teórico-aplicada que parte da realidade socioeducativa que se desenvolve no campo da Educación Social e achega ao estudante desta titulación ás diferentes institucións educativas que se enmarcan nun amplo universo educativo, salientando como propias destes estudos, sobre todo, as relacionadas coa educación non formal.
Relaciónase especialmente esta materia, e resulta unha base imprescindible polo seu achegamento ás institucións obxecto de estudo, co Practicum I e co Practicum II (materias troncais), coa Educación Permanente (materia troncal), así como coas materias de Educación de Persoas Adultas, coa Educación non formal e a Pedagoxía do Ocio (ambas as dúas de carácter obrigatorio).