O propósito principal desta materia é que o estudantado adquira os coñecementos e habilidades necesarias que lle permitan analizar e deseñar os circuítos electrónicos analóxicos de baixa frecuencia que se utilizan habitualmente nos sistemas de adquisición de datos e os sistemas de instrumentación electrónica. Para iso, en primeiro lugar, preséntanse ao alumnado os seus principais características. A continuación, introdúcense e desenvolven coñecementos acerca de sensores e o acondicionamento dos sinais xerados por estes. Finalmente, trátanse os principios de funcionamento e os parámetros de deseño dos circuítos electrónicos dun sistema de adquisición de sinal.
Os contidos principais ordénanse da seguinte maneira:
+Introdución aos sistemas electrónicos de adquisición de sinal: bloques funcionais e arquitecturas.
+Realimentación: definición e topoloxías.
+Introdución aos sensores: definición e clasificación.
+Introdución aos circuítos acondicionadores de sinal. Presentación dun conxunto de circuítos electrónicos auxiliares de uso moi común no devandito contexto: técnicas de linealización. circuítos modificadores de nivel de sinal. Circuítos rectificadores de media onda e de onda completa. Tensións de referencia. Conversión tensión-corrente. Interruptores e multiplexores analóxicos.
+Amplificación nun sistema electrónico de medida: amplificadores de instrumentación, amplificadores programables, e amplificadores de illamento.
+Filtros activos.
+Circuítos de mostraxe e retención, convertidores dixital-analóxicos e analóxico-dixitais.
Os obxectivos fundamentais da parte práctica da materia son que o estudantado adquira habilidades prácticas tanto na montaxe de circuítos e de medida cos instrumentos de laboratorio, para poder distinguir e caracterizar os diferentes circuítos electrónicos estudados, como na identificación e resolución de erros nas montaxes. Ademais, o alumnado, ao finalizar a materia, debe coñecer e saber manexar correctamente ferramentas informáticas para o deseño, simulación e análise dos sistemas electrónicos analóxicos estudados.