A materia busca motivar ao estudantado na utilización práctica dos conceptos máis técnicos de Enxeñaría de Telecomunicación para solucionar problemas e ofrecer servizos na sociedade na que vive: preténdese que tome conciencia de que a actividade da Enxeñaría non é un feito illado senón que transforma ao mundo (a pequena e a gran escala). Isto leva a dúas ideas fundamentais:
1) A sociedade, as persoas que a conforman, teñen problemas que poden ser resoltos polos profesionais da Enxeñaría: a función da Enxeñaría é resolver ou mitigar problemas da sociedade na que se enmarca, non crealos. Coñecer o xeito como se resolveron situacións no pasado pode axudar a encarar problemas no futuro (o que nos leva a coñecer a historia orientada á acción futura, non á contemplación do pasado).
2) As actividades da Enxeñaría teñen influencia directa na propia sociedade, en como viven ou en como se relacionan as persoas. De feito, os grandes cambios das últimas décadas estiveron protagonizados directamente por achegas do ámbito da Enxeñaría de Telecomunicación. Esta influencia debe ir acompañada dunha toma de conciencia da responsabilidade ética.
Materia do programa English Friendly. Os/ as estudantes internacionais poderán solicitar ao profesorado: a) materiais e referencias bibliográficas para o seguimento da materia en inglés, b) atender as titorías en inglés, c) probas e avaliacións en inglés.