Esta materia enmárcase dentro do módulo de Tecnoloxía Específica Mecánica e complementa á materia Expresión Gráfica de primeiro curso. Pretende englobar toda a linguaxe do debuxo técnico, reforzando a base teórica, os fundamentos xeométricos que permiten a concepción e visualización das formas e dimensións, e ampliando a compoñente práctica a través das contornas informáticas. Ademais, presta especial atención ó estudo da Normalización, que facilita o intercambio de información técnica a través da linguaxe gráfica das normas vixentes.
O obxectivo é a creación e manexo de información gráfica desde a perspectiva do enxeñeiro mecánico, particularizando nas características concretas do grao impartido no CUD-ENM. Abarcarase a xeometría descritiva de superficies, a informática gráfica, a definición de conxuntos e mecanismos de maneira inequívoca, a representación normalizada de buques, etc., buscando unha formación xeneralista e sobre todo adecuada e útil para o futuro desempeño dos estudantes.