Os obxectivos fundamentais que comparten tanto esta materia como a súa predecesora (Física I) son, por unha banda, a consolidación (co adecuado rigor conceptual e formal) de coñecementos previamente adquiridos, e, por outra, o establecemento das bases necesarias para o estudo ulterior doutras disciplinas, de carácter básico ou fundamental. Todo iso de forma que o obxectivo final non sexa a mera especulación teórica senón a aplicación dos coñecementos adquiridos á tecnoloxía, a través dos oportunos modelos e esquemas físico-matemáticos. Desenvolveranse as aptitudes e destrezas necesarias para a resolución de problemas técnicos relacionados coa Física, practicando a metodoloxía analítico-deductiva propia desta ciencia.
O programa da materia Física II do Grao en Enxeñaría Mecánica divídese en dous grandes bloques: Termodinámica e Electromagnetismo, os cales se desenvolverán en nove temas tal e como se detalla na programación da materia. Esta materia é clave para entender algunhas das materias que serán estudadas posteriormente tales como Termodinámica e Transmisión de Calor, Enxeñaría Térmica I, Fundamentos de Electrotecnia ou Tecnoloxía Electrónica.
O primeiro bloque desenvolverá, ao longo de dous capítulos, os conceptos introductorios da formulación clásica da Termodinámica. O segundo bloque, articulado en sete capítulos, desenvolverá a evolución case-cronolóxica do electromagnetismo clásico.