O Traballo de Fin de Grao (TFG) forma parte, como módulo, do plan de estudos do título de Grao en Enxeñaría Mecánica. É un traballo orixinal e persoal que cada estudante realizará de forma autónoma baixo tutorización docente, e debe permitirlle mostrar de forma integrada a adquisición dos contidos formativos e as competencias asociadas ao título.
Con este traballo o estudante aplica os coñecementos adquiridos durante a súa formación, tanto do módulo de tecnoloxía específica mecánica como doutros ámbitos de coñecemento relacionados estreitamente coa enxeñaría mecánica necesarios para abordar o TFG, o cal reflicte o seu carácter multidisciplinar. Preténdese tamén que o alumno adquira ou reforce certas capacidades que lle permitan proxectar, deseñar e desenvolver produtos complexos, procesos e sistemas da súa especialidade; ter conciencia dos aspectos sociais, de saúde e seguridade, ambientais, económicos e industriais; seleccionar e aplicar métodos de proxecto apropiados; e buscar solucións desde un punto de vista técnico así como a súa implementación e adecuación ó entorno onde se vaian a implementar.
A súa definición e contidos están explicados de forma máis extensa na normativa para a realización do Traballo de Fin de Grao aprobada pola Xunta de Centro, na súa primeira versión, en sesión celebrada o 2/9/2014, e cuxo contido actualizado se pode consultar na web do CUD-ENM, no apartado dedicado ao TFG (Sección Estudos ->Grao en Enxeñaría Mecánica ->Alumnado->Traballos Fin de Grao).