O Traballo Fin de Grao (TFG) é unha materia de carácter teórico-práctico que consiste na realización dun traballo autónomo por parte do alumnado, tutorizado polo profesorado. Desenvólvese no ámbito do deseño, nas especialidades de Deseño Gráfico/Dixital ou Deseño de Moda, e implica a elaboración dun proxecto, a redacción dunha memoria académica e a defensa pública do traballo realizado.
Os obxectivos principais desta materia son: aplicar os coñecementos adquiridos ao longo da titulación para desenvolver un proxecto de deseño; desenvolver metodoloxías de investigación propias da disciplina; e fomentar a capacidade para argumentar e presentar resultados e conclusións de forma rigorosa e estruturada.
A través desta materia, o estudantado deberá demostrar a adquisición e integración dos coñecementos, habilidades e competencias correspondentes ao Grao en Deseño, evidenciando a súa capacidade para abordar e resolver de maneira autónoma un proxecto de deseño dentro da súa área de especialización.