AVALIACIÓN CONTINUA
A materia levarase a cabo por avaliación continua, mediante un conxunto de probas ou actividades realizadas ao longo do período formativo que permitan valorar o progreso de cada estudante ao longo de devandito período, debendo superar todos os exercicios teórico e/ou prácticos que leven a cabo durante o curso.
Ao longo do curso realizaranse probas e traballos teóricos e prácticos que permitan, ao tempo que coa súa participación activa, adquirir ao alumnado os coñecementos para superar a materia. Aquelas persoas que teñan pendente algunha proba teórico/práctica poderán superala cunha proba final a realizar na mesma data e hora oficial do exame global. O profesorado tamén poderá acordar previamente a realización dalgunha tarefa e/ou entrega dun traballo para superar a parte práctica da materia.
Os casos prácticos exporanse ao comezo das sesións prácticas, onde se resolverán as dúbidas e preguntas do alumno/a. Toda a clase ten a obriga de subir os seus traballos a Moovi. A entrega dos casos prácticos será sempre a mesma para todas as alumnas/vos, podéndose facer ao finalizar a clase.
CONTROL DE ASISTENCIA
A asistencia as clases prácticas é obrigatoria. O profesorado pasará lista de cando en vez da asistencia a clases teóricas, de xeito aleatorio, coa finalidade de comprobar o aproveitamento e participación do alumnado que, de ser o caso deberá xustificar as faltas de asistencia ante o profesorado da materia unha semana despois da súa ausencia. Aqueles alumnos/as que teñan 3 faltas de asistencia sen xustificar entenderanse como Non Presentados na primeira convocatoria.
AVALIACIÓN GLOBAL
O alumnado que opte polo sistema de avaliación global deberá informar ao docente coordinador da materia da súa renuncia expresa ao sistema de avaliación continua no prazo e procedemento establecido polo centro para tal fin. Non se admitirá ningún cambio dos sistema de avaliación con posterioridade a data marcada polo centro.
O exame ou proba de avaliación global está destinado ao alumnado que renuncie á avaliación continua e consistirá nun exame teórico (40%), realización e presentación dun traballo relacionado co contido da materia e previamente acordado co docente (30%) que deberá entregar antes da data fixada no calendario oficial de exames, así como a resolución de exercicios ou actividades prácticas (30%) que valoren a adquisición das competencias
2ª OPORTUNIDADE
A superación da materia na 2ª oportunidade, tanto para as/os alumnas/os de avaliación continua como de avaliación global, consistirá nun exame ou proba coas mesmas condicións da establecida no parágrafo anterior, é dicir, exame teórico (40%), exercicios prácticos (30%) e traballo práctico persoal (30%).
A proba de avaliación correspondente á convocatoria de fin de carreira realizarase mediante o mesmo sistema e baremo co establecido para a proba de 2ª oportunidade.
Non se contempla a realización de ningunha proba de avaliación oral e tampouco, en ningún caso, se reservan notas -teóricas ou prácticas- para a segunda oportunidade ou seguinte curso.
TITORÍAS
As marcadas nesta guía e as que informe o profesorado en clase e na plataforma Moovi.
É responsabilidade do alumnado estar atento as referencias e indicacións de clase e ao material que se aporte na plataforma Moovi: información sobre probas, materiais de estudo, apuntamentos, ...
O alumnado disporá de 48 horas para revisións e ccorrección de erros unha vez publicadas as cualificacións provisionais, dándose por definitivas a partir de entón.
No non especificado, seguiranse as directrices do Regulamento sobre a avaliación, a cualificación e a calidade da docencia aprobado no claustro da UVigo.