Aprendizaxe das ciencias da natureza é unha materia obrigatoria, de carácter cuadrimestral, que se imparte no segundo curso do Grao en Educación Infantil. Consta dun total de 6 créditos ECTS. Ten un carácter teórico-práctico e o seu propósito é contribuír ao desenvolvemento das competencias didáctico-científicas das docentes en formación.
Desde esta materia búscase introducir ás mestras en formación inicial na didáctica das ciencias experimentais, prestando especial atención á análise crítica das orientacións do currículo para a etapa de Educación Infantil. En concreto, estúdanse e analizan os elementos curriculares, as orientacións metodologicas e os procesos de avaliación vinculados á área 3 de Descubrimento e exploración da contorna próxima do currículo de Educación Infantil (DECRETO 150/2022, do 8 de setembro, polo que se establece a ordenación e o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia).
Resulta imprescindible que as futuras mestras e mestres posúan fundamentos de cultura científica e da ciencia escolar, especialmente os coñecementos básicos necesarios para exercer a súa profesión así como que coñezan e comprendan o papel da ciencia e da tecnoloxía no progreso da humanidade.
Ademais, atendendo aos desafíos globais actuais, préstase especial atención á integración da educación para o desenvolvemento sostible, de maneira que as mestras e os mestres en formación inicial poidan integrar e tratar nas súas clases de ciencias cuestiones sociocientíficas actuais.