Guia docente 2026_27
Facultade de Educación e Traballo Social
Grao en Educación Social
 Materias
  Educación: Historia da educación social
Guía Materia
DATOS IDENTIFICATIVOS 2026_27
Materia Educación: Historia da educación social Código O05G130V01204
Titulación
Grao en Educación Social
Descritores Cr.totais Sinale Curso Cuadrimestre
6 FB 1 2c
Lingua de impartición
Galego
Prerrequisitos
Departamento Análise e intervención psicosocioeducativa
Coordinador/a
Blanco Pardo, Nazaret
Correo-e nazaret.blanco@uvigo.es
Profesorado
Blanco Pardo, Nazaret
Web http://educacion-ou.webs.uvigo.es/educacion-ou/web/
Descrición xeral A materia Historia da Educación Social ten por obxecto a análise histórica dos diversos ámbitos da intervención socioeducativa, atendendo á súa evolución e á súa relación cos contextos sociais, políticos, económicos e culturais nos que se desenvolven. O seu estudo permite coñecer e comprender a orixe e a transformación das realidades sociais e dos fenómenos socioeducativos, ofrecendo unha visión contextualizada que contribúe á interpretación crítica da Educación Social como campo de coñecemento e práctica profesional.

Nesta liña, a materia proporciona ao alumnado unha conciencia crítica que o capacita para comprender as dinámicas de construción social da realidade e intervir de maneira fundamentada na súa configuración. A mirada histórica posibilita, así, unha comprensión xenealóxica da educación como construción social e histórica, entendendo o pasado, o presente e o futuro como procesos interrelacionados e en permanente transformación.

A materia ten como finalidade ofrecer unha base teórica sólida a partir da análise da evolución histórica da Educación Social, mediante un percorrido polos distintos ámbitos de intervención socioeducativa ao longo do tempo, ata chegar ao actual modelo de profesionalización. Neste sentido, búscase que o alumnado identifique e comprenda as orixes, o contexto histórico e as transformacións das condicións socioeconómicas e políticas que influíron nas teorías e prácticas da Educación Social, especialmente nos últimos tres séculos.

Do mesmo xeito, resulta fundamental adoptar unha perspectiva histórico-social que poña o foco na experiencia das clases populares e nos movementos sociais que fixeron posibles distintos compromisos pedagóxicos e prácticas socioeducativas, moitas das cales constitúen a base das intervencións actuais.

En definitiva, a materia dota aos/ás futuros/as profesionais da Educación Social dunha capacidade crítica e dunha comprensión xenealóxica da realidade educativa como construción social e histórica, proporcionando ferramentas analíticas que lles permitan desenvolver unha práctica profesional crítica, consciente, fundamentada na ética de mínimos morais, reflexiva e transformadora en calquera dos ámbitos da intervención socioeducativa.
Universidade de Vigo            | Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000