A especialidade de Grao de Educación Infantil require que a/o futura/o docente posúa un dominio amplo en diversos aspectos da lingua e da comunicación. Demanda, tamén, unha formación en literatura e sociolingüística que leve ao desfrute desde o coñecemento. Un goce que, ao facelo propio, poida ser transmitido posteriormente no exercicio profesional.
Os obxectivos desta materia son lingüísticos, de cara a unha boa comunicación, e literarios, xogando coa creatividade e a transmisión de sentimentos e emocións.
A disciplina está concibida para profundar en coñecementos non impartidos en cursos anteriores ou para complementalos (Literatura, Historia da lingua e Lingua e sociedade), fornecendo ao alumnado dos rudimentos necesarios para a comprensión, a análise e o desfrute de textos literarios.