O que se espera que achegue esta materia na formación de docentes xeneralistas de educación infantil é proporcionar a formación básica para que, sen ser especialistas en educación musical, aprendan a usar e a integrar a música nas actividades con independencia e seguridade, e desenvolvan a sensibilidade necesaria relativa á expresión musical e á creación artística. Polo tanto, familiarizarémonos con propostas pedagóxico-musicais para a percepción auditiva e a expresión musical (diferenciando entre as etapas 0-3 e 3-6), así como tentaremos mellorar o dominio da lectura e linguaxe musical, provendo recursos e bases psicopedagóxicas sólidas nas que fundamentar as decisións educativas, alén de completar a propia formación musical. As actividades fundamentais que se farán xirarán arredor da práctica instrumental de cancións sinxelas, do canto e de danzas grupais, así como do xogo musical para o fomento da creatividade e do uso da improvisación. Farase especial fincapé no exercicio da relaxación, da respiración e da fonación, posto que a voz é a ferramenta que todo o profesorado debera saber usar con corrección. Evolucionarase da representación non convencional do son á representación convencional da música, deténdonos na educación rítmica, e no deseño de propostas didácticas interdisciplinares, alicerzadas no currículo oficial, dirixidas ao alumnado de entre 0 e 6 anos de idade.
Materia do programa English Friendly. O estudantado internacional poderá
solicitar ao profesorado: a) materiais e referencias bibliográficas para o seguimento da materia en inglés, b) atender as titorías en inglés, e c) probas e avaliacións en inglés.