Economía aplicada á Publicidade e ás Relacións Públicas é unha materia de formación básica de primeiro curso que introduce o estudantado nos fundamentos do razoamento económico e na súa aplicación ao ámbito da comunicación comercial e institucional. A materia parte dos principios básicos da economía e do funcionamento dos mercados, o comportamento de consumidores e produtores e a eficiencia do intercambio, para avanzar cara á análise da empresa, a organización da industria e o papel que a publicidade desempeña nela. Abórdanse así mesmo a teoría da elección do consumidor, a economía da información e da conduta (con especial atención á relación principal-axente e á información asimétrica) e as nocións macroeconómicas esenciais relativas ao diñeiro, os tipos de xuro e os prezos a longo prazo.
Cun enfoque que combina a fundamentación teórica coa resolución práctica de problemas e casos, a materia dota o alumnado das ferramentas conceptuais necesarias para interpretar a contorna económica na que operan as axencias, os anunciantes e as organizacións, e para analizar datos e actividades económicas estreitamente vinculados á publicidade e ás relacións públicas.
Materia do programa English Friendly. Os/ as estudantes internacionais poderán solicitar ao profesorado: a) materiais e referencias bibliografías para o seguimento da materia en inglés, b) atender as titorías en inglés, c) probas e avaliacións en inglés.