A materia Deseño de Embalaxe introduce ao alumnado nos principios, procesos e estratexias do deseño de envases como ferramenta clave de comunicación, protección do produto e sustentabilidade. Ao longo do curso abórdanse os fundamentos do packaging desde unha perspectiva funcional, estética e técnica, tendo en conta as necesidades do mercado e os distintos sectores produtivos.
O contido estrutúrase en cinco bloques: fundamentos do deseño de embalaxe, estratexia de aplicación de marca e dirección de arte, materiais e procesos técnicos, innovación e análise de tendencias, e un proxecto práctico final. O alumnado aprenderá a seleccionar materiais axeitados, aplicar criterios de ecodeseño, desenvolver sistemas construtivos e crear solucións visuais coherentes coa identidade de marca.
O curso culmina cun proxecto integral de deseño de packaging que abrangue desde o briefing ata a presentación final, fomentando a creatividade, a viabilidade técnica e o pensamento estratéxico. Esta materia prepara ao alumnado para afrontar desafíos reais en sectores como alimentación, cosmética ou gran consumo, desenvolvendo solucións innovadoras, sustentables e aliñadas coas tendencias actuais do deseño de envases.