![]() |
![]() |
Avaliación En relación ás probas de avaliación, tal como recolle o Regulamento de Estudantes da Universidade de Vigo, o estudantado ten dereito (art. 3.10) "A ser avaliado en réxime de avaliación continua, dispoñendo como alternativa de probas de avaliación global en todas as materias e oportunidades de avaliación do curso académico". As guías docentes recollen a información sobre o desenvolvemento das probas de avaliación continua e global, indicándose nas guías docentes como leva a cabo a avaliación continua na primeira oportunidade e na segunda oportunidade. As guías tamén recollen como leva a cabo a avaliación global se o estudantado renunciou á avaliación continua. En relación á renuncia á avaliación continua cada materia establecerá o prazo para solicitar a devandita renuncia. A data mínima para solicitar a renuncia non poderá ser en ningún caso inferior a un mes dende o comezo de impartición da materia. Se o estudantado xustifica (documentalmente e segundo o procedemento establecido polo centro) que non pode asistir a algunha actividade formativa presencial obrigatoria por algunha das causas recollidas no artigo 15 do Regulamento de Avaliación, a cualificación, a calidade da docencia e do progreso de aprendizaxe do estudantado, trasladarase á Comisión Permanente a súa situación para valorar as alternativas posibles de forma coordinada co equipo docente responsable da impartición da materia. Se estudantado xustifica que non pode asistir a algunha proba de avaliación por algunha das causas recollidas no artigo 15 do citado Regulamento de Avaliación, terá dereito a realizar a proba de avaliación noutra data fixada polo profesorado responsable da materia, procurando que dita data sexa consensuada co estudantado. De acordo co disposto no "Regulamento sobre a avaliación, a cualificación e a calidade da docencia e do proceso de aprendizaxe do estudantado" da Universidade de Vigo, durante a realización das probas de avaliación, "salvo autorización expresa, queda prohibido tanto usar coma ter calquera tipo de material de consulta ou axuda, así como de dispositivos electrónicos con capacidade de comunicación e/ou de almacenamento de datos, que deberán permanecer apagados e fóra do alcance e da vista do/a estudante ata a saída do lugar do exame". O incumprimento desta norma será considerado comisión de fraude académica e implicará a expulsión inmediata do exame, así como a cualificación de cero (suspenso) na convocatoria correspondente, iso con independencia do valor que sobre a cualificación global desta tivese a proba en cuestión e sen prexuízo das posibles consecuencias de índole disciplinaria que poidan producirse. No caso de que existan razóns fundadas para cuestionar a autoría ou a integridade da/s proba/s, incluíndo o posible emprego indebido de ferramentas de intelixencia artificial ou outros procedementos non permitidos, unha vez concluído o proceso de avaliación, o profesorado poderá requirir ao estudantado a realización dunha sesión individual de comprobación. Neste caso, ata que rematen as devanditas comprobacións, as cualificacións asignadas consideraranse provisionais. Durante esta sesión, o estudantado deberá demostrar de forma suficiente que comprende os contidos avaliados e que é capaz de explicar e fundamentar as respostas ou solucións entregadas. Calquera aspecto ou circunstancia en relación ao contido das guías docentes ou desenvolvemento dos sistemas e probas de avaliación non detallado nas mesmas ou que suscite dúbidas de interpretación será obxecto de valoración por parte da Comisión Permanente da Escola. |
| Universidade de Vigo | Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 |