Os obxectivos principais desta materia do módulo A obrigatorio de emprendemento do MTCI son promover o interese dos estudantes polo emprendemento, xerar e desenvolver unha idea de negocio, proporcionar as ferramentas e a información necesarias para a elaboración e o desenvolvemento do Proxecto Profesional do alumnado como futura persoa emprendedora, conectando os ámbitos académico e profesional procurando que o resultado de aprendizaxe sexa saber recoñecer e aplicar un abano de accións que se desenvolven ao redor dos eixos que se especifican no bloque de contidos desta guía docente.
Para iso a materia estruturarase en dous bloques.
No primeiro tratarase de identificar as calidades e valores do emprendemento, a identificación de oportunidades, así como as habilidades fundamentais que deben de ter os emprendedores e no segundo traballarase sobre os aspectos necesarios para pór en marcha un plan de emprendemento, desde o nacemento do proxecto até a súa execución final.
O segundo bloque está máis enfocado á mercadotecnia para emprendedores. Nel traballarase a creación e xestión da imaxe de marca e as redes sociais para emprendedores.
Como bloque separado analizaranse programas e axudas vixentes para emprendedores que poden axudar aos alumnos no seu futuro emprendemento.
A materia terá un carácter eminentemente práctico para achegar aos estudantes a unha experiencia real de emprendemento e, ademais, desenvolveranse as habilidades de traballo en grupo e presentación efectiva de ideas e proxectos.