Esta materia ten por obxectivo principal formar ao alumnado na práctica da tradución directa francés- castelán nos eidos legal e institucional, cos obxectivos de orientalos de cara á comprensión profunda dos textos destes eidos, de dotalos duns coñecementos básicos sobre dereito e xestión, de proporcionarlles unha certa perspectiva das condicións do mundo da tradución profesional e de fomentar o espírito crítico de cara á actividade da tradución.
Cando nos referimos a “xurídicos/as e administrativos/as” incluímos tanto os textos que xeran Organismos Institucionais de ámbito local, autonómico, estatal e supraestatal, ben por iniciativa lexislativa propia ben nos textos xerados a partir da súa relación cos administrados ou das relacións dos Organismos entre si; con esta mesma denominación incluímos os textos da institucións do dereito nas súas decisións xurisdicionais tanto nas súas relacións cos cidadáns e destes entre si a través dos axentes da Xustiza.