Esta materia aborda a práctica da tradución con textos de diversos tipos (non especializados) desde a segunda lingua estranxeira (francés). Os seus obxectivos residen en adquirir as técnicas necesarias para traducir textos xerais de diferente índole. Por esta razón, na aula traballarase fundamentalmente con encargos de tradución reais procedentes de ámbitos diversos e representativos dos xéneros máis habituais, co fin de que o alumnado adquira unha metodoloxía de traballo que lle permita enfrontarse, no futuro, a diferentes tipos de encargos e proseguir a súa formación de maneira autónoma. Ao final da materia, o alumnado deberá ser capaz de demostrar a súa capacidade para traducir textos non especializados nunhas circunstancias semellantes ás propias dunha contorna profesional.