A materia Enxeñaría de Fabricación e Calidade Dimensional ten como obxectivo fundamental complementar os coñecementos adquiridos na materia Fundamentos de Sistemas e Tecnoloxías de Fabricación sobre procesos de fabricación. Continúa desenvolvendo os coñecementos, habilidades e capacidades descritos na materia para clasificar e seleccionar os distintos procesos de fabricación que mellor se adecúen a cada sector produtivo. O alumno adquirirá capacidades para identificar e planificar as diferentes etapas do proceso produtivo a partir das especificacións de deseño de produto, seleccionando as distintas fases, máquinas, equipos, utillaxes, ferramentas e técnicas de verificación máis convenientes. Ademais, afianzaranse os coñecementos do alumno no desenvolvemento de programas de control numérico sinxelos e no que respecta a técnicas de deseño e fabricación asistidas por ordenador na fabricación de compoñentes dentro das contornas industriais.