1. PRIMEIRA EDICIÓN DE ACTAS O proceso de avaliación descrito arriba está deseñado para o alumnado que asista regularmente ás aulas. O alumnado que non poida asistir con regularidade por algunha razón xustificada deberá comunicarllo á profesora ao comezo do cuadrimestre e será avaliado polo sistema de avaliación única explicado máis abaixo. É obrigatorio realizar todas as probas previstas na avaliación. As probas non realizadas contarán coma un cero. Se un/ha alumna/o, por causas de forza maior debidamente xustificadas, non puidese realizar algunha proba, deberá falar coa profesora, con anterioridade á data da súa realización, para estabelecer unha nova data. A presentación oral terá lugar durante as aulas prácticas consonte un calendario que se estabelecerá ao comezo do cuadrimestre (dende aproximadamente a semana 5 até o remate do cuadrimestre). Para a súa preparación é obrigatorio asistir a titorías coa profesora. O traballo desenvolvido durante as titorías previas á presentación considerarase parte desta e, xa que logo, tamén será obxecto de avaliación. Cada persoa integrante do grupo será avaliada pola súa contribución individual, tanto á presentación coma ao debate posterior en grupo. Avaliaranse tanto as competencias referidas ao coñecemento da cuestión analizada como as relacionadas coa construción de argumentos e a súa expresión oral correcta. Deberá utilizarse como apoio software de diapositivas para presentacións, e avaliarase a correcta expresión escrita nestes textos, que se lle deberán entregar á profesora como mínimo dous días antes da presentación a través da plataforma de teledocencia Faitic. O primeiro exame parcial terá lugar ao remate do primeiro bloque de contidos (semana 7 aproximadamente) e o segundo exame parcial realizarase na data oficial estabelecida no calendario de exames da FFT. A cualificación obtida en cada exame parcial computará polo 40% da cualificación final. No caso de que a cualificación do primeiro parcial (poesía) sexa igual ou superior a 4, a/o estudante realizará o segundo parcial (narrativa) ao final do cuadrimestre e a materia considerarase superada se a media dos dous exames é como mínimo de 5 (cunha nota mínima de 4 en cada parte). No caso de que a cualificación do primeiro parcial (poesía) non acade un 4, a/o estudante deberá repetir esa parte do temario mediante un exame global da materia coincidindo coa data do exame oficial. Este exame global computará polo 80% da cualificación final. A nota do exame global deberá ser como mínimo de 5 para considerar superada esa parte da avaliación. Todas as probas se cualificarán tendo en conta non só a pertinencia e calidade do contido das respostas senón tamén a súa correcta expresión lingüística (oral e/ou escrita) e presentación formal. A existencia de erros lingüísticos graves e/ou unha deficiente presentación formal (ausencia de marxes, mala caligrafía, texto riscado etc) causará unha penalización do 10% na cualificación final da proba en cuestión. O alumnado avaliado por este sistema non se poderá presentar ao exame correspondente á avaliación única, e a súa cualificación na primeira edición de actas corresponderá ao cómputo das notas obtidas nas probas realizadas durante o curso. Só se realizará o cómputo global da materia se se acada como mínimo un 5 en cada parte da avaliación (na presentación e na media dos dous exames parciais). A cualificación global mínima para aprobar a materia é un 5. Excepcionalmente, haberá unha modalidade de avaliación única na primeira edición de actas, só para aquelas/es estudantes que por motivos xustificados non poidan participar na avaliación continua. Neste caso, a/o alumna/o deberá comunicarllo á profesora argumentadamente ao comezo do cuadrimestre (nas dúas primeiras semanas de clase). A avaliación constará dun exame único, baseado nos contidos da materia, que combinará preguntas teóricas e exercicios prácticos de análise e interpretación de textos e cuxa nota constituirá o 100% da cualificación final. Este exame terá lugar na data oficial estabelecida no calendario de exames aprobado pola Xunta de Facultade. A escolla desta opción en ningún caso supón a perda do dereito a asistir ás aulas sempre que sexa posíbel, o cal se recomenda encarecidamente. O alumnado que siga esta modalidade de avaliación será responsábel de manter un contacto continuado coa materia a través de Faitic. A copia ou plaxio total ou parcial en calquera tipo de traballo ou exame suporá un cero nesa proba. Alegar descoñecemento do que supón un plaxio non eximirá o alumnado da súa responsabilidade. É responsabilidade do alumnado consultar os materiais e as novidades a través da plataforma Faitic e estar ao tanto das datas de realización das probas de avaliación. 2. AVALIACIÓN DE XULLO Independentemente do sistema de avaliación seguido na primeira edición de actas, en xullo a avaliación levarase a cabo mediante un exame único, baseado nos contidos da materia, que combinará preguntas teóricas e exercicios prácticos de análise de textos e cuxa nota constituirá o 100% da cualificación final. Este exame terá lugar na data oficial de xullo aprobada pola Xunta de Facultade. Recoméndase firmemente que o alumnado asista ás aulas e titorías con regularidade e se implique activamente no seu proceso de aprendizaxe. |