A especialidade do Grao en Educación Infantil esixe que o futuro docente posúa, ademais dunha ampla formación en aspectos psicopedagóxicos, unha boa competencia na ferramenta básica da comunicación: a lingua.
O obxectivo desta materia é desenvolver dun modo coherente as capacidades lingüísticas e comunicativas de xeito que se favoreza a transmisión de coñecementos e a formación integral dos discentes. Alén de aprender a escoitar, tres son as destrezas que os profesores deben axudar a perfeccionar nas aulas: a capacidade lectora (comprensión, ritmo, dicción), a expresión oral (corrección, claridade, fluidez) e a expresión escrita (coherencia, unidade, gramaticalidade).
O futuro mestre de Educación Infantil deberá, por tanto, adquirir un nivel adecuado de lingua galega con vistas a desempeñar con eficacia as súas tarefas docentes: utilizando a lingua galega como lingua normal no ensino, servindo de modelo lingüístico para os seus alumnos e corrixindo os erros ou inadecuacións que estes poidan cometer na lingua oral e escrita.