A través desta materia faremos un percorrido polas fontes e recursos de información necesarios para abordar e defender un traballo de investigación, coñeceremos os pasos para realizar unha procura bibliográfica exitosa, así como un conxunto de aplicacións que vos axudarán a xestionar a información recuperada e mantervos ao día nos vosos temas de interese.
Nun ambiente universitario como o noso, a maior aprendizaxe provén da experimentación e das boas prácticas que sexamos capaces de compartir con outros colegas, o cal neste tipo de cursos toma unha importancia decisiva.
Neste sentido, e dado que a materia pretende ser eminentemente práctica, pedímosvos a vosa participación activa. Esa participación concrétase na lectura das unidades que conforman a materia, na vosa intervención nos foros e no chat expondo as vosas dúbidas e consultas e na realización das
actividades prácticas que se expoñen.
O obxectivo final é que os contidos desta materia séxanvos de utilidade tanto para a elaboración do traballo Fin de Máster como para o desenvolvemento da vosa carreira profesional. Desde agora, grazas pola vosa colaboración.
Esperamos e desexamos que esta experiencia sexa en grao sumo satisfactoria para todos.