A oceanografía é o estudo científico dos procesos biolóxicos, físicos, xeolóxicos e químicos nos mares e os océanos que cobren ao redor do 71% da superficie terrestre. A finalidade deste estudo é comprender os diferentes aspectos do océano mundial: propiedades, interacción coa atmosfera e a cortiza subxacente, forma e estrutura das concas oceánicas e seres vivos que habitan nel. Dentro deste vasto campo de coñecemento, a oceanografía física estuda os procesos físicos que ocorren no mar, tales como a mestura (difusión molecular e *turbulenta das propiedades da auga de mar), as correntes, as mareas e a ondada e o intercambio de enerxía entre este e a atmosfera. Dentro da oceanografía física pódense diferenciar os seguintes ámbitos: A Oceanografía Descritiva: describe a distribución e características das masas de auga nos océanos. A Oceanografía Dinámica: estuda o movemento da auga dos océanos e as súas causas. A Oceanografía Meteorolóxica que é a rama da oceanografía física que estuda ás interaccións entre a atmosfera e os océanos.