Co Real Decreto Lexislativo 2/2011, de 5 de setembro, como Texto Refundido da Lei de Portos e da Mariña Mercante, o lexislador non fixo outras cousas que constatar a necesidade dunha renovación lexislativa para afrontar os requirimentos derivados do impacto de novos acontecementos e realidades na década dos anos 90 do pasado século. Trátase do impacto combinado do desenvolvemento das redes transeuropeas de transporte, os cambios tecnolóxicos e estratéxicos no sector do transporte marítimo e os procesos de crecente liberalización do mercado dos servizos do transporte, así como os seus efectos principais: a competencia interportuaria; a competencia intraportuaria ; e a incorporación á xestión portuaria do modelo de colaboración público-privada. A consecuencia é a posta do acento nesta ocasión, sen alterar os trazos estruturais do modelo establecido en 1992, nos factores ou criterios de rendibilidade e eficiencia na explotación do dominio público portuario e aposta pola promoción e o incremento da participación da iniciativa privada no financiamento, construción e explotación das instalacións portuarias e na prestación dos servizos portuarios; o que quere dicir tamén: a incorporación de novos mecanismos dirixidos a potenciar a calidade e eficacia na prestación dos servizos portuarios e comerciais de acordo coa política europea de transportes; o desenvolvemento da competencia interportuaria, potenciando a autonomía de xestión económico-financeira sobre a base dos principios de autosuficiencia económica e cobertura de custos por transferencia dos mesmos aos usuarios baixo principios homoxéneos e non discriminatorios; a potenciación da competencia intraportuaria a través da regulación da prestación dos servizos portuarios por parte da iniciativa privada en réxime de liberdade de acceso; a introdución de novos elementos na xestión do dominio público portuario para conseguir un completo desenvolvemento do modelo concesional en beneficio da máxima rentabilización socioeconómica daquel; o fomento do investimento privado nas instalacións e os equipamentos portuarios; e a diminución dos custos do sistema portuario español en aras da mellora da competitividade e a capacidade de investimento nas infraestruturas.