1. PRIMEIRA EDICIÓN DE ACTAS A avaliación desenvolverase consonte o
detallado máis arriba. É obrigatorio realizar todas as probas previstas na
avaliación. As probas non realizadas contarán coma un cero. As datas das probas
serán propostas pola profesora no cronograma entregado o primeiro día de aulas
e serán consensuadas co alumnado e publicadas en Faitic con antelación
suficiente. Se un/ha alumna/o, por causas de forza maior debidamente xustificadas,
non puidese realizar algunha proba, deberá falar coa profesora para estabelecer unha
nova data. A presentación oral terá
lugar durante as aulas consonte a un calendario que se
estabelecerá ao comezo do cuadrimestre (dende a semana 5 até o remate do cuadrimestre). Para a súa preparación é responsabilidade do alumnado asistir a
titorías
coa profesora. Cada persoa do grupo será avaliada pola súa contribución
individual. Avaliaranse tanto as competencias referidas ao coñecemento da
cuestión analizada como as relacionadas coa construción de argumentos e a súa
expresión oral correcta. Deberá utilizarse como apoio software de diapositivas
para presentacións, e avaliarase a correcta expresión escrita nestes textos,
que se lle deberán entregar á profesora na mesma data da presentación a través
da plataforma de teledocencia Tema. O traballo escrito entregarase na penúltima semana de aulas. As características deste traballo serán especificadas ao seu debido tempo nas aulas e a través da plataforma de teledocencia Faitic. O alumnado participante en cada grupo de traballo recibirá a mesma cualificación, por entender que se trata dun traballo elaborado e asumido por todo o grupo. É responsabilidade do
alumnado asistir a titorías para que a profesora poida facer un seguimento da
metodoloxía e desenvolvemento do traballo. Todas as probas de avaliación cualificaranse tendo en conta non só a pertinencia e calidade
do contido das respostas senón tamén a súa corrección lingüística e o seu rigor académico. O alumnado avaliado por este sistema non poderá presentarse
ao exame correspondente á avaliación única, e a súa cualificación na primeira
edición de actas corresponderá ao cómputo das notas obtidas nas probas
realizadas durante o curso. Excepcionalmente, haberá unha modalidade de avaliación
única na primeira edición de actas, só para aquelas/es estudantes que por motivos xustificados non poidan
facer un seguimento regular da materia. Neste caso, a/o alumna/o deberá
comunicarllo á profesora argumentadamente ao comezo do cuadrimestre (nas dúas
primeiras semanas de clase). A avaliación constará dun exame único, baseado nos
contidos da materia, que combinará preguntas teóricas e exercicios prácticos de
análise e interpretación de textos e cuxa nota constituirá o 100% da
cualificación final. Este exame terá lugar na mesma data da proba escrita final. A escolla desta opción en ningún caso supón a perda do
dereito a asistir ás aulas sempre que sexa posíbel, o cal se recomenda
encarecidamente. O alumnado que siga esta modalidade de avaliación será
responsábel de manter un contacto continuado coa materia a través de Faitic. A copia ou plaxio total ou parcial en calquera tipo de
traballo ou exame suporá un cero nesa proba. Alegar descoñecemento do que supón
un plaxio non eximirá o alumnado da súa responsabilidade. Non é obrigatorio asistir ás aulas, aínda que se recomenda
encarecidamente asistir con regularidade e participar de maneira activa no
desenvolvemento do curso. É responsabilidade do alumnado facer un seguimento da
materia a través de Faitic e estar ao tanto das datas de realización das probas. 2. SEGUNDA EDICIÓN DE ACTAS
Na segunda edición de actas a avaliación levarase a
cabo mediante un exame único, baseado nos contidos da materia, que combinará
preguntas teóricas e exercicios prácticos de análise de textos e cuxa nota
constituirá o 100% da cualificación final. Este exame terá lugar na data
oficial de xullo aprobada pola Xunta de Facultade.
Recoméndase firmemente que o alumnado asista ás aulas
e titorías con regularidade e se implique activamente no seu proceso de
aprendizaxe. |