A materia pretende que o alumnado reflexione sobre a compoñente fónica da lingua galega. Pártese da delimitación e caracterización das dúas disciplinas que a estudan, Fonética e Fonoloxía, e abórdase logo a descrición do sistema vocálico galego, tónico e átono, a sílaba e os ditongos, o sistema consonántico, para rematar no nivel suprasegmental con todo o referido á prosodia. Dedícase especial atención á mellora da fonética e da prosodia do alumnado, alí onde son máis apreciables as interferencias do castelán, coa proposta de actividades de carácter oral.