Sesión maxistral |
Nas clases teóricas combinarase a lección maxistral con clases teórico-participativas onde se fomente e se motive a participación activa do alumnado, xunto co estudio de casos (con documentación escrita e/ou audiovisual que o alumnado deberá ler previamente). Emprego de forma xenérica de medios audiovisuais, fundamentalmente computador persoal e proxector de vídeo, así como doutros medios materiais dispoñibles habitualmente para desenvolver a materia nas aulas, como o encerado e as xices. Entregaránselle ao alumnado, a través da plataforma de ensinanza virtual faiTIC (http://faitic.uvigo.es/) ou da páxina web do profesor (http://webs.uvigo.es/gfuentes), as presentacións en powerpoint que se empregarán nas clases, así coma outro tipo de documentación, ben de cara a preparar as clases, ben para ampliar información. A teoría impartirase na aula correspondente ao 3º curso da Facultade de Fisioterapia de Pontevedra. |
Prácticas de laboratorio |
Nas prácticas seguirase unha metodoloxía demostrativa cunha análise razoada dos exercicios que compoñen o método Pilates. O profesor explicará e demostrará cómo se realizan os distintos exercicios, polo que serán prácticas guiadas onde se busque a integración, non só dos coñecementos teóricos da materia, senón tamén dos coñecementos anatómicos, biomecánicos, de localización anatómica e de patoloxía que xa posúan. Tódolos exercicios presentaranse nunhas fichas de prácticas, onde parte da información xa a vai a subministrar o profesor da materia, tendo o alumnado que completala segundo se vaian realizando. Ditas fichas poderanse atopar na plataforma de ensinanza virtual faiTIC (http://faitic.uvigo.es/). Estas recollerán esquematicamente os seguintes apartados: nome en español e en inglés do exercicio; cómo realizalo na súa forma estándar; consideracións específicas para realizalo en canto a material; principios de Pilates que se traballan fundamentalmente nel; obxectivos do exercicio; apoios táctiles, verbais e de imaxes que se poden empregar para facilitalo; variantes (tanto para indicar cómo facilitar a súa realización ou qué exercicios previos empregar, como para dificultar a súa realización ou qué exercicios serían unha evolución do mesmo); indicacións; precaucións e contraindicacións máis relevantes; e outras observacións. O conxunto de ditas fichas de prácticas pódelle axudar ao alumnado a superar a parte práctica da materia, pois conformarán os exercicios que comporán o exame práctico. As prácticas de laboratorio faranse por grupo no laboratorio pertinente da Facultade de Fisioterapia de Pontevedra. |
Traballos tutelados |
Os traballos implicarán un papel completamente activo por parte do alumnado e serán elaborados en grupo (conformaranse 9 grupos de traballo). Os traballos consistirán en elaborar e impartir unha clase de Pilates enfocada, ben a unha patoloxía prevalente na nosa sociedade (por exemplo, en persoas con osteoporose; en caso de lumbalxias;…), ben a unha poboación cunhas condicións físicas determinadas (por exemplo, en bailaríns; en deportistas de Alto Nivel; en persoas maiores; en nenos; en embarazadas;…). Ademais, os grupos deberán entregar un informe da clase proposta no cal se expoñan os obxectivos principais da sesión para aquela patoloxía ou poboación especial, así como a descrición dos exercicios que integran a clase e un vídeo coa representación dos exercicios que integren a clase.
Na primeira quincena do mes de febreiro os grupos estarán conformados e cada grupo saberá o seu tema de traballo. A mediados do mes de marzo indicarase o día da súa exposición. O profesor exercerá un papel de orientador e apoio no proceso de elaboración do traballo en cada grupo.
|