É unha materia de seis créditos, que se imparte no primeiro cuadrimestre do primeiro curso do grao, e que está concibida como unha disciplina de iniciación á lingua alemá básica, así como de introdución elemental ao coñecemento da cultura sobre a que se sostén este idioma, entendendo con isto a lingua e a cultura dos pobos que se expresan en alemán e de modo principal Alemaña, Austria e Suíza. Tense en conta o feito de que a maioría do alumnado se enfronta por primeira vez á lingua alemá na idade adulta, polo que se parte dun nivel cero de coñecementos que, se ben permite unha progresión relativamente rápida no dominio gramatical básico da lingua, só admite unha progresión bastante máis lenta no dominio das competencias orais neste primeiro curso.