Na actualidade, os sistemas de información son vitais para a supervivencia de calquera organización que, tal como sucede con aquelas que integran o sector turístico, participe activamente no mundo dos negocios globais. Nesta materia preténdese poñer de manifesto a importancia que para as organizacións do sector turístico ten deseñar e implantar un sistema de información eficiente. Esta ferramenta de xestión debe permitirlles captar os datos dispoñibles nun ámbito altamente complexo e dinámico, procesalos no seo da organización para convertelos en información útil e difundir a devandita información ás persoas axeitadas.
A materia está integrada por dous tipos de contidos intimamente relacionados. Por un lado, os teóricos, centrados na análise xeral dos sistemas de información nas organizacións. Por outro lado, os prácticos, nos que se formulan actividades nas que se deben buscar e obter datos relativos a diversos aspectos da actividade turística, procesalos para convertelos en información útil para a organización turística correspondente e presentar a devandita información da forma máis clara posible.