Sesión maxistral |
As sesións maxistrais dedicaranse a explicar os contidos máis teóricos da materia, como a descrición do mercado da tradución do alemán ou a terminoloxía especializada de tradución, así como contidos teóricos fundamentais para desenvolver as tarefas prácticas, como aspectos contrastivos morfosintácticos e estilísticos entre as dúas linguas, referentes culturais etcétera. Malia estaren no apartado de sesións maxistrais, as clases serán de índole participativo e sempre estarán apoiadas por un soporte práctico. |
Resolución de problemas e/ou exercicios |
Realizaranse exercicios de tradución, que tentarán reproducir situacións reais, e exercicios de resolución de problemas (dificultades de tradución). Despois da presentación da base conceptual e procedimental nas sesións maxistrais, nas horas presenciais farase o traballo previo de análise. A seguir, o alumnado preparará as tarefas pola súa conta. Finalmente, e de novo nas horas presenciais, farase a posta en común e corrección dos resultados. Esta parte terase en conta na avaliación continua.
|
Prácticas autónomas a través de TIC |
Estas actividades de aplicación dos coñecementos a situacións concretas e de adquisición de habilidades básicas e procedimentais relacionadas coa práctica da tradución desenvolveranse a través das TIC de maneira autónoma. |
Presentacións/exposicións |
O alumnado exporá o traballo de investigación realizado; haberá quenda de preguntas e debate. |
Prácticas en aulas de informática |
Para estas prácticas precísase dispor de equipo informático con conexión a Internet. Farase sobre
todo traballo documental previo á tradución e traballo de aprendizaxe dalgunhas ferramentas
básicas para a tradución. Avaliaranse conxuntamente cos traballos de aula e as prácticas. |
Actividades introdutorias |
Actividades encamiñadas a tomar contacto e reunir información sobre o alumnado (farase un test de nivel de lingua alemá e de tradución), así como a presentar a materia. En especial, explicarase o sistema de avaliación, a bibliografía recomendada e a bibliografía de lectura obrigatoria. |