A materia “Cine e publicidade” configúrase en torno ao coñecemento das relacións entre o cine e a publicidade dende o nacemento do cinema e ata a actualidade. Os seus contidos abordan as distintas influencias e sinerxias entre ámbolos dous campos audiovisuais. Por unha banda, realizarase un estudio dos elementos técnico-narrativos do traballo de dirección en cine que son empregadas na dirección de cine publicitario; atenderase a unha evolución histórica de directores e escolas que teñen influenciado a imaxe publicitaria audiovisual; identificaranse as principais estratexias e fórmulas publicitarias empregadas na promoción do cinema; a publicidade como vía de financiamento para as produccións cinematográficas; e outras imbricacións entre o cine e publicidade o intercambio esporádico de directores entre un e outro campo.