Na primeira edición de actas a avaliación será continua. A condición para ser avaliada/o será a asistencia a un mínimo do 80% das aulas. Igualmente, é obrigatorio expoñer e entregar no prazo establecido os traballos incluídos na avaliación. Os traballos non realizados ou entregados fóra de prazo contarán coma un 0. Do mesmo xeito, os traballos que non cumpran os requisitos mínimos de corrección lingüística e conteñan erros gramaticais graves contarán coma un 0. O plaxio total ou parcial en calquera tipo de traballo suporá un 0 nese traballo. Alegar descoñecemento do que supón un plaxio non eximirá ao alumnado da súa responsabilidade. Se algunha alumna/o non pode acollerse á avaliación continua por motivos xustificados, deberá comunicarllo á profesora argumentadamente ao comezo do cuadrimestre. Nese caso, poderá ser avaliada/o mediante un exame único, baseado nos contidos da materia, que combinará preguntas teóricas e exercicios prácticos de análise de textos e cuxa nota constituirá o 100% da cualificación final. Este exame terá lugar na data oficial de maio/xuño aprobada pola Xunta de Facultade. A escolla desta opción en ningún caso supón a perda do dereito a asistir ás aulas sempre que sexa posible, o cal se recomenda encarecidamente. Igualmente, o alumnado que escolla esta opción será responsable de manter un contacto continuado coa materia a través de Faitic. Na segunda edición das actas (xullo) a avaliación levarase a cabo mediante un exame único, baseado nos contidos da materia, que combinará preguntas teóricas e exercicios prácticos de análise de textos e cuxa nota constituirá o 100% da cualificación final. A competencia lingüística e a correcta exposición argumentativa tamén serán avaliadas. Este exame terá lugar na data oficial de xullo aprobada pola Xunta de Facultade. Recoméndase firmemente que o alumnado asista ás aulas e titorías con regularidade e se implique activamente no seu proceso de aprendizaxe. |