Obxecto e espazo son, ante todo, elementos ou aspectos que definiron o carácter estrutural da escultura durante todo o século XX. A materia pretende mostrar e analizar aqueles debates onde a estrutura temática obxecto e espazo teña relevancia dentro do panorama da arte contemporánea. Esta estrutura está organizada en catro territorios de problemas: en primeiro lugar, falamos dos conceptos de autoría que teñen que ver coa creación, produción e reprodución de obxectos e espazos; un segundo grupo tería que ver cos procesos creativos determinantes para a elaboración do obxecto; un terceiro campo tería que ver cos mecanismos procesuais e categoriais; e, por último, estaría o tecido expansivo que a escultura leva desenvolvido como unha necesidade onde o espazo ten sido un aliado indiscutible desde o seu enunciado como espazo de pensamento ata a súa disolución entre unha tupida rede de novas formas de ocio cultural.