Esta materia inscríbese dentro da produción artística, vinculada esta a todas aquelas disciplinas implicadas na creación de imaxes, mais especialmente en pintura, debuxo e fotografía.
A produción implica coñecemento dos distintos procedementos de elaboración de imaxes, a súa reprodución e a interrelación entre as ditas disciplinas.
A imaxe sempre implica unha abstracción, un artificio capaz de revelar un certo tipo de coñecemento ou de desvelar un certo tipo de verdade coa cal a nosa comprensión da realidade se enriquece. A través da pintura, o debuxo e a fotografía, podemos crear unha complexa rede de contidos, experiencias e disposicións que teñen que ver cos principios que caracterizan o ser humano, é dicir, a capacidade para intelectualizar o coñecemento e a experiencia obtida, a coordinación dos sentidos perceptores a disposición ou a actitude ante a realidade de xerar (e percibir) experiencias estéticas e/ou sensacións que irían desde a máis elemental emoción ata a máis complexa forma de producir coñecemento.